Após máis de dúas horas de comparecencia na Cámara do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o máis interesante para as redes sociais foi a intervención do voceiro do grupo parlamentar do PPdG, Pedro Puy: o momento en que presentou a Feijóo como unha vítima do narco, sinalando que se "aproveitou" del para tirar recoñecemento público, foi trending topic en Twitter. Vexamos que foi o máis importante para a imprensa da Galiza e de Madrid.
- La Voz de Galicia reparte culpas: 'Gobernos do PP e do bipartito deron axudas a empresas de Dorado'
É ese o titular que este xornal leva á súa capa, sinalando que o propio Feijóo recoñeceu que o seu partido financiara negocios do narcotraficante malia el desvincularse de todo. Enfatiza tamén que a oposición "segue a exixir a renuncia" do presidente da Xunta. No interior, a comparecencia na Cámara mereceu as tres páxinas do A Fondo.
O titular, 'Feijóo admite o erro das fotos con Dorado e intenta pasar páxina'. A fotografía principal para as bancadas do PPdG, con Alfonso Rueda e Pedro Puy aplaudindo a intervención do seu xefe de filas. O texto, un recital das desculpas do presidente, recordando que o xuíz Taín dixo non apreciar indicios de delito nas escoitas telefónicas ao narco entre 2001 e 2003; as acusacións a Pachi Vázquez por lle ter pedido que esquecera o caso Campión; as relacións do BNG "con delincuentes de Batasuna" (tirado literalmente non da intervención de Feijóo, senón da información de La Voz). Así resume o xornal un debate que cualifica de "tenso".
Nunha páxina enteira coloca as 24 preguntas que Feijóo se fixo a si propio no Parlamento por considerar que eran esas as cuestións "que se poden estar a facer algúns galegos". A destacar: o presidente di que pasa con Dorado "momentos de ocio" mais que non é o seu amigo e que cadran sempre outras persoas coas que "coincido plenamente" e coas que "teño máis, menos ou ningunha confianza". Porén, con esta persoa que nin era amigo nin tiña confianza fixo catro viaxes aos Picos de Europa, Baleares, Tenerife e Portugal.
Hai tamén un destaque para a asociación contra a droga Desperta Cambados, que emprendeu unha recollida de sinaturas para exixir a demisión de Feijóo. A súa presidenta, Carmen Durán, abandonou chorando a Cámara galega após ouvir o presidente. A terceira páxina é para a oposición. Francisco Jorquera (BNG) sae mostrando a imaxe da equipa de fútbol da que morreron seis dos dez integrantes por culpa da droga e destacan que recriminase ao presidente por ter visitado "o executor" das vítimas. Pachi Vázquez (PSOE) aparece co dosier de imprensa dos anos '90 en que aparecen as informacións que vinculan a Dorado durante unha intervención que centrou en pedir a demisión e en negar que fora o seu partido quen filtrara as imaxes. Xosé Manuel Beiras (AGE) foi fotografado coas sinaturas que exixen a demisión e a información sitúa como "punto álxido" os seus laios cando se dirixiu á tribuna, onde presenciaban o pleno varias 'nais contra a droga'.
- Faro de Vigo opta polo 'con el bipartito más'
Enfoca a información na mesma liña que o xornal anterior, mais enfatiza que o bipartito adxudicou máis axudas ás empresas de Dorado que Fraga. O resto do guión repítese: recoñece as viaxes, Pachi Vázquez pediulle esquecer a operación Campión, a imaxe das bancadas do PPdG aplaudindo, as mesmas imaxes dos tres voceiros da oposición e un destacado para o argumento vitimista de Pedro Puy. Faro de Vigo non fala de 'narcotraficante' senón de 'contrabandista' (Dorado foi condenado a 14 anos de prisión por narcotráfico) e dálle unha foto a manifestantes estafad@s coas preferentes que se colocaron diante do Parlamento para lanzar fariña á rúa.
- La Región 'rodea' Feijóo coas peticións de demisión da oposición
O xornal ourensán leva á capa unha imaxe do presidente da Xunta na tribuna do Parlamento e colocócalle arredor as declaracións da oposición pedindo a demisión. 'Feijóo admite que empresas do narco Dorado recibiron subvencións da Xunta' é o titular principal da información, que dentro queda diluído noutro en que o mandatario expía a súa culpa sinalando cara ao bipartito. A imaxe principal é tamén para os aplausos do PPdG e hai un destaque para Pachi Vázquez, ex alcalde do Carballiño, falando da conversa en que tería pedido a Feijóo que non presionase co caso Campión e que o xefe de filas do PSdG negou con rotundidade.
A outra páxina está dividida en catro e é para as catro forzas con representación no Parlamento. Os titulares, os que seguen: 'Nove anos de vida non caben en catro fotos' (Pachi Vázquez); 'Feijóo é a indecencia convertida en persoa' (X.M. Beiras); 'Por que puxo o seu cargo a disposición de Fraga?' (Francisco Jorquera); e 'A quen mellor retratan as fotos é á oposición' (Pedro Puy).
- El Correo Gallego emprega os termos de Feijóo e fala de "xuízo"
"A oposición non me xulga. Xa me condenou cando gañei as eleccións de 2009". Con estas palabras concluía Feijóo a súa intervención no Parlamento. O diario local de Compostela recolle a testemuña e leva á capa unha foto dun presidente triunfal e sorrinte cos tres representantes da oposición máis pequenos e moi incomodados en cadansúa instantánea das súas intervencións. A imaxe máis acaída para o titular que colocan: 'Feijóo sale indemne do xuízo no Parlamento'.
No interior 'Núñez Feijóo recoñece o seu erro e ensáñase coa hipocrisía da oposición', destacando que o bipartito deu subvencións ás empresas do narco e que Vázquez lle pedise deixar de lado a operación Campión. Tamén recolle as 24 preguntas que o presidente se fixo a si propio e en tres columnas resume as intervencións da oposición, destacando que seguen a reclamar a demisión.
- El Progreso e Diario de Pontevedra enfatizan o acto de contrición de Feijóo
Os dous xornais locais do grupo El Progreso destacan nos seus titulares que o presidente da Xunta "pediu desculpas" e, malia recoñecer tamén que as empresas do narco recibiron subvencións da Xunta, sinalan cara ao bipartito para dicir que foi a etapa en que máis cartos se lle adxudicaron. Subliña tamén o contraataque emprendido contra as formacións da oposición nunha comparecencia fixada para que dera explicacións sobre as fotos na embarcación de Marcial Dorado.
Os destaques: un para o 'Non é certo que me veu pedir que non seguiramos co caso Campión?' de Feijóo, outro para a indignación das nais contra a droga e o outro para 'Un Beiras en estado puro que non reprimiu o pranto'. A intervención dos catro grupos parlamentares aparece resumida en oito titulares, dous para cada voceiro.
- El País destaca no Editorial que o futuro político de Feijóo segue cuestionado
O xornal de Prisa, que filtrou as imaxes co narco, dedica dúas páxinas a informar da comparecencia e tamén o Editorial, titulada 'Imprudente Feijóo' e na cal, malia sinalar que ter dado a cara "honra" o conservador, o seu futuro político "segue en entredito porque a sociedade non necesita confiar en quen demostra pouca prucencia".
'Feijóo admite que Dorado recibió dinero de la Xunta' é a cabeceira dunha noticia onde si aparecen as contradicións en que incorreu o titular do Executivo galego. Primeiro dixo que rachara relacións en 1998 e uns minutos despois recoñeceu que quizais entre 2001 e 2003, cando xa sabía que o seu "compañeiro de ocio" era un narcotraficante, quizais tivese falado con el e até podería telo chamado polas festas de decembro ou polo eu aniversario. "Non o podo lembrar", excusouse. Na dobre páxina coloca tres amplos destaques para a oposición.
- El Mundo mete Feijóo nun espazo denominado 'Políticos baixo sospeita', canda Camps, Barberá e Bárcenas
Titular para as subvencións que a Xunta outorgou ás empresas de Marcial Dorado e subtítulo para a "imprudencia". Unha imaxe moi pequena de Feijóo coa man no peito é a única que acompaña neste xornal unha información en que se destaca o recoñecemento desa relación entre o Goberno galego e os negocios do narco, relación que tiña adiantado xa Compromiso por Galicia ao sinalar cara a contratos asinados coa consellaría de Sanidade, da cal Feijóo era número dous de a bordo. Como novidade sinalan ter acceso a unha fonte do PSOE que explicou de maneira gráfica que "se Blanco cansou de ouvir a palabra 'gasolineira' Feijóo cansará de ouvir a palabra 'narcotráfico'" e que o caso se prolongará durante os vindeiros tres anos.
- ABC dedica 30 liñas á información; o resto da páxina é unha foto de Jorquera "verbalmente agresivo"
O voceiro do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, coa foto da xeración perdida na man e sinalando co dedo cara ao escano de Feijóo. É a principal información que o xornal da ultradereita española tira da comparecencia de Feijóo na Cámara galega para explicar as fotos co narco. No breve texto que acompaña a Jorquera, este medio sostén que ao presidente galego lle tería vido mellor unha instantánea tomando unha caña na Arxentina "cun tal Bergoglio" --o novo Papa-- e que "poucos galegos se atreven a opinar que a imaxe --co narco-- ten por custo a demisión por moito que faga chorar a Beiras".
O diario defende a Feijóo recalcando que "non se pode xulgar ninguén porque tomase cañas cun indesexable hai 20 anos" e carga contra o voceiro de AGE: "imaxino que chora porque non ten nada consistente con que botar a Feijóo ou porque, agás pola súa negativa temporal a declarar os seus bens, hai tempo que non sae na Prensa". Si, o ABC considérase a si propio e ao resto da caverna mediática española 'Prensa', con maiúsculo.