Emprazan no Congreso ao goberno español a se posicionar sobre o traslado de Ence

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentaria na Cámara para lle pedir ao Ministerio de Medio Ambiente que defina “con clarexa e rotundidade a súa postura sobre o traslado de ENCE da Ría de Pontevedra antes do ano 2018”.

A deputada do BNG alude ás recentes sentenzas do Tribunal Supremo que dan resposta aos recursos presentados pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra e polo concello de Pontevedra. As sentenzas do Tribunal Supremo anulan o plan sectorial de incidencia supramunicipal de ENCE que a Xunta aprobou en decembro de 2003, co propósito de facer posíbel a ampliación da factoría.

Davila subliña que nun encontro recente entre o Presidente da Xunta e o Ministro de Medio Ambiente, o Señor Feijoó manifestou que “a concesión de ENCE vence en 2018 e que a lei non fai prórrogas automáticas”. Mais, puntualiza a parlamentaria do BNG, “debemos lembrar que o Ministro de Medio Ambiente non se definiu con tanta claridade na interpelación que lle dirixín no pleno do 28 de marzo pasado”.

Naquela sesión plenaria, Arias Cañete eludiu concretar se se ía trasladar ENCE da Ría antes de 2018, data en que vence a concesión. O Ministro, lembra Davila, excusouse no argumento de que “non queremos actuar precipitadamente” e no feito de ter que agardar ao pronunciamento do Tribunal Supremo.

Pois ben, sinala Davila, “o Tribunal Supremo xa se pronunciou, polo tanto, é o momento idóneo de que o Ministerio fale e explique a súa postura ao respeito de ENCE”.

Esta é a razón pola que a deputada do BNG dirixe unha serie de preguntas ao Goberno: “Vai o Ministerio a definir por fin a súa postura sobre a necesidade de trasladar a factoría antes de rematar a concesión no 2018? Mantivo o Ministerio algunha xunta con representantes da empresa para abordar esta cuestión? De ser así, que é o que lle trasladou á empresa?”.

Comentarios