Emigrantes e vítimas das preferentes maniféstanse en Pontevedra

Tanto emigrantes retornad@s como vítimas das preferentes séntense “espoliados e roubados” polos gobernos do PP e por iso suman forzas nunha manifestación conxunta este 10 de maio en Pontevedra. 

Emigrantes retornados4
photo_camera Emigrantes retornados4

As Plataformas de Afectados por Preferentes e Subordinadas e de Emigrantes Retornados da Galiza promoven unha manifestación central e unitaria que terá lugar este 10 de maio en Pontevedra na que reclamarán a devolución dos seus cartos e a retirada das sancións por parte da Axencia Tributaria. 

A mobilización sairá ás 11.30 horas da Praza de Ourense e teñen a previsión de rematar dúas horas despois no Paseo de Montero Ríos. As razóns de se xuntaren nunha mobilización conxunta débense a que ambos colectivos “séntense enganados, espoliados e roubados polo goberno español presidido por Mariano Rajoy en Madrid, e Feijóo na Galiza”. 

Tanto vítimas das preferentes como emigrantes que retornaron dos países nos que traballaban séntense abandonados polas administracións públicas e lembran que é a vía xudicial a única que está a solucionar a situación nalgúns casos xa que as sentenzas están saíndo ao seu favor. A manifestación esixirá a retirada ou o arquivo das multas e sancións impostas a membros dos dous colectivos, algunhas delas pola loita que reclama a devolución dos cartos. 

Unha solución rápida e a evolución dos cartos e retirada de sancións será o centro da manifestación que ás plataformas convocantes lles gustaría que fose a última mais, de non atopar solución, aseguran que seguirán na súa loita até conseguir os obxectivos e ambos colectivos. 

Chamamento social 

As dúas coordinadoras galegas queren tamén contar co apoio social nas súas reivindicacións e, por iso, fan un chamamento a colectivos cidadáns e movementos sociais, sindicatos e partidos políticos que levan meses protestando contra os recortes e na defensa dos dereitos sociais que perigan nas políticas dos gobernos do PP. Pídenlle que se sumen ás reclamacións do colectivo de vítimas das entidades financieiras e da Facenda española. 

Comentarios