Denuncian o conselleiro de Facenda por presunta prevaricación na repetición dunha oposición

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais denunciou ante a fiscalía o conselleiro de Facenda e o director xeral de Función Pública  "polas irregularidades cometidas que poderían ser constitutivas dos delitos de prevaricación e desobediencia".

Foto presentación denuncia Fiscalía 10.07.2015
photo_camera Foto presentación denuncia Fiscalía

A denuncia ten a súa orixe na repetición dun exercicio da oposición da Xunta de Inspección de Turismo convocada en 2001. Este exercicio repetiuse, 14 anos despois, o pasado 17 de xuño, por mandato dunha sentenza do Tribunal Supremo "ante as graves irregularidades acaecidas no desenvolvemento do 4º exercicio". Se ben a sentenza é de 2009, non foi ata 2015 cando a Xunta a executa. Para os sindicatos, foi "unha execución rodeada de novas irregularidades e que a administración autonómica se resistiu por máis de 5 anos a levar a cabo ata que houbo un apercibimento de imposición de multa coercitivas sobre a persoa do director da Función Pública".

Segundo a xunta de persoal, un aspirante presentou un acta notarial uns días antes na que clavaba o número de aprobados (6) e máis a metade dos nomes das persoas que superarían ese cuarto exame (3). Algunhas destas irregularidades foron: a cobertura de únicamente o 50% das prazas convocadas en contra do indicado pola sentenza, algo inédito na historia dos procesos selectivos da Administración autonómica, a coincidencia dos aprobados con persoas que prestan ou prestaron servizos no centro directivo competente en materia de Turismo ou a designación política do tribunal calificador da proba.

A Xunta de Persoal ten previsto acudir ao Parlamento galego a vindeira semana para poñer o caso en coñecemento dos grupos parlamentares da oposición co obxecto "de que esixan as responsabilidades políticas pertinentes, entre elas, consideramos que a dimisión do actual director xeral da Función Pública".

Comentarios