O escándalo das contratacións e a tensión interna co núcleo do ILG-CCG precipitaron a demisión de Ferrín

O escándalo das contratacións na institución e as tensións internas co núcleo de numerarios da contorna do Instituto da Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega precipitaron a demisión de Ferrín. O autor de Con Pólvora e Magnolias recusou en todo momento oferecer explicacións sobre o facto de ter tido en nómina na Academia a súa filla e ao seu xenro. Ferrín viuse progresivamente acurralado e findou por demitir após o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, apontar  que o ILG e o CCG pretendían "colonizar" a institución. A queda de Ferrín é ben vista polo Goberno Feijóo e por medios da dereita españolista como ABC, que non perdoaban ao demisionario presidente da RAG a súa decisión de manter o recurso contra o decreto do plurilingüismo.
Xosé Luís Méndez Ferrín
photo_camera Xosé Luís Méndez Ferrín

O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín demite como presidente da Real Academia Galega e deixa de ser numerario. Diríxelle unha carta a todos os membros, tamén aos correspondentes, na que anuncia o seu abandono da institución de Tabernas e fala de que algúns numerarios o conduciron a deixar o cargo. Ferrín demite acosado polo escándalo arredor da política de contratacións da RAG.

Nun comunicado enviado polo secretario da institución, Xosé Luís Axeitos, Ferrín explica as razóns da sú dimisión. Agradece aos membros da executiva a “desinteresada entrega” en especial do secretario, mais tamén sinala co dedo a “outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia. Beizón tamén a estes e estas porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida”.

A partir de agora, a Real Academia Galega terá que comezar o proceso para nomear outra persoa que asuma a presidencia. O malestar na Rúa Tabernas foi a máis nos últimos tempos, incrementado polas noticias arredor de contratacións de familiares na institución, en concreto, a filla e o compañeiro do presidente, o fillo do secretario, Xosé Luís Axeitos, que leva dez anos na directiva da Academia Galega, ademais do fillo do tesoureiro Manolo González. 

Despois das primeiras informacións, distintas persoas integrantes da institución esixiron explicacións que nunca foron dadas. O propio Ferrín negouse en repetidos momentos a explicar en público a contratación da súa filla que estivo no cadro de persoal até o un de xaneiro. 

A entrevista hoxe na Voz do secretario da institución, Xosé Luís Axeitos, home ao que Ferrín agradece especialmente a súa dedicación, deixaba á vista a grande tensión dos últimos meses alén de dirixir a súa mirada para as persoas da Academia relacionadas con outras dúas institucións relacionadas coa lingua e a cultura: o ILG e o CCG. As palabras de Axeitos, man dereita de Ferrín, evidenciaban unha guerra interna nas cadeiras de Tabernas, unha entidade que conta no seu interior con destacados membros do ILG, dous deles na propia directiva, que se sentiron especialmente ofendidos polas declaracións emitidas polo secretario. 

"Somos conscentes de que ten que entrar xente da Universidade da Coruña, mais iso sabémolo nós e eles tamén. Aquí só se lle pediron explicacións de maneira suave e non houbo resposta. De todas maneiras, dous membros do ILG entraron con Ferrín como presidente, o último deles, Xosé Luís Regueira" coméntalle a Sermos un Académico e membro do ILG. Que a Academia se nutrise de lingüístas na Universidade de Santiago e que non entrase nos seus postos numerarios ningunha persoa de Filoloxía da Coruña -defensores da coñecida como normativa de mínimos até o acordo- é unha das eivas e críticas que sempre se lle fixeron á RAG. Desmentía  control á Real Academia e aseguraba que no próximo plenario esixirían explicacións ao secretario polas declaracións nas que, entre outras cousas, deixaba ver a presións por parte de ILG e CCG para que a Academia retirase o recurso contra o decreto do bilingüísmo. 

A súa demisión chega envolta no balbordo do escándalo pola política de contratacións da Real Academia Galega baixo a súa presidencia, reputada de nepotista, e após o secretario da institución ter dito en entrevista na Voz de Galicia que a RAG está a sofrer a "colonización" por parte do Instituto da Lingua Galega e do Consello da Cultura Galega.

Só Jenaro Marinhas 

Ferrín non deixa só de ser presidente da RAG senón tamén o seu posto de numerario, decisión esta singular na historia da institución que nos remonta ao momento en que Jenaro Marinhas del Valle deixou de ser académico manifestando o desacordo co que a institución tratara a Ricardo Carvalho Calero. 


Comentarios