Cuba aclara a Feijóo que as mudanzas na súa economía serán dentro do socialismo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo reuniuse o sábado con Raúl Castro, xuntanza que a Xunta non tiña previsto na planificación da viaxe. O presidente da Xunta botou man da transición española como modelo para os cambios nunha Cuba que lle deixou claro que ningún cambio se desenvolverá fora do socialismo. Feijóo tentou afortalar na viaxe a súa posición de home de Estado, minguada despois das fotos no iate de Dorado. 

Raúl Castro e Feijóo
photo_camera Raúl Castro e Feijóo

Na súa primeira viaxe a Cuba, encontro que criticara cando un Touriño presidente realizara a mesma visita institucional, Núñez Feijóo mostrou a súa vontade de establecer novos lazos comerciais coa illa, en especial convidando a empresarios galegos e investir en Cuba. Nese sentido, Feijóo aplaudiu en diversas ocasións os “cambios” desenvolvidos no goberno de Castro e puxo a transición española como modelo para o camiño a seguir polo goberno cubano. Como resposta, Feijóo trae de volta a constancia de que calquera mudanza que se desenvolva na illa será dentro da economía socialista. Malia encontros e promesas, as declaracións de Feijóo de intensificar a colaboración mutua e unha máis sólida relación económica non conlevou ningún tipo de compromiso concreto. 

Por parte cubana, a Raúl Castro a visita de Feijóo serviulle para desconxelar temporalmente o bloqueo mediático á que a illa se ve sometido. O presidente da Xunta permitiulle atravesar os mares que rodean á illa e o propio Feijóo foi cauto á hora de criticar o goberno cubano ou atoparse coa oposición. Na axenda de Feijóo non había ningún acto que puidese enturbiar o bon ambiente do encontro, malia noutros tempos ter falado de esixirlle maior democracia desde Galiza ao goberno de Castro. Tamén por iso, a viaxe a Cuba foi vista con receo polo goberno de Mariano Rajoy e pola banda máis dereitista do PP que non ve a necesidade dun encontro cordial con Raúl Castro nun momento no que no partido está a imperar a súa faciana máis dura. 

Tras as pegadas de Fraga

Mais sen dúbida, Alberto Núñez Feijóo preferiu emular nesta viaxe o seu antecesor Manuel Fraga que, nos seus últimos anos, provocou desde o cargo de Presidente da Xunta un reencontro coa súa orixe cubana, tamén co propio Fidel Castro, cubano de orixe galega que visitou o noso país e a casa familiar de Láncara en tempos de goberno do de Vilalba. De feito, un dos actos da axenda de Feijóo era a presentación na Habana do libro “Manuel Fraga, un gallego cubano, Fidel Castro un cubano gallego”, de Miguel Ángel Alvelo Céspedes, xornalista  e escritor próximo ao goberno de Castro. 

O gabinete de comunicación da Xunta emitía o domingo á noite a nota do encontro con Raúl Castro e tamén un inicial avance da viaxe que rematou “satisfeito por ter saldado unha materia pendente cos máis de 38.500 emigrantes galegos neste país”. A nota mostraba tamén o dato de que  “o peso da emigración galega en Cuba será cada vez maior de acordo coas previsións relativas ao desenvolvemento da normativa española sobre nacionalidade”. 

“O pobo cubano ten amosado a súa capacidade para avanzar en moitos momentos da súa  historia e tanto España en xeral, como Galicia en concreto, temos unha gran confianza en que o siga facendo no futuro”, asegurou o presidente que aproveitou para se mostrar máis como home de Estado do que como o xefe do Executivo galego.

Comentarios