Nova condena dun ano de prisión ao sindicalista Antolín Alcántara

A CIG vén de recibir a sentenza do último xuízo contra dous dirixentes da central que participaron na folga do Metal do 2007. A xuíza absolve a Víctor García do delito de desordes públicos e danos. No caso de Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, condénao a un ano de prisión por desordes públicos e absólveo do delito de danos.

A central nacionalista, nunha primeira valoración de urxencia, rexeita a decisión xudicial e reitera que se trata dun proceso político "que persegue criminalizar o sindicalismo combativo que representa a CIG nun momento de duros ataques contra os dereitos da maioría social, da clase traballadora". Nos vindeiros días realizará unha análise pública máis exhaustiva do contido da sentenza.

O xuizo tivo lugar hai varios días. Pola sala desfilaron arredor de 20 testemuñas, entre policías, gardas xurados , ex responsábeis políticos e sindicalistas, e reproduciuse o contido das gravacións feitas polas cámaras de seguridade do edificio autonómico. En ningún momento, afirmaban desde a central nacionalista naquela altura, quedou acreditada a participación dos acusados nin nos desordes públicos nin nos danos que se lle imputan.

Comentarios