Condenan a 15 meses de cárcere a dous sindicalistas pola folga do metal de 2009

A xuíza considera probado que Antolín Alcántara (CIG) e Ramón Sarmiento (CCOO) "invadiron" a estación marítima.
Concentración da CIG en apoio a Abtolín Alcántara
photo_camera Concentración da CIG en apoio a Abtolín Alcántara

O xulgado do Penal número 2 de Vigo vén de condenar a 9 meses de cárece o representante da CIG, Antolín Alcántara, e a seis a Ramón Sarmiento, de CCOO, ao consideralos responsábeis dun delito de desordes públicas no decorrer da folga do metal de xuño do 2009. A maxistrada impón un castigo maior a Alcántara por entender que 'invadiu' as oficinas de control marítimo, suceso que califica de "moi grave".

A xuíza non tivo en conta a versión dos acusados,que sinalaban que se refuxiaron na Estación Marítima a resultas dunha carga policial.

Neste sentido, cómpre lembrar que no xuízo Alcántara defendeu que o plan inicial era ocupar o centro comercial de A Laxe para chamar a atención das e dos turistas que ían desembarcar do cruceiro Independence of The Sea. Mais non contaban con que a policía española cortase a manifestación. Segundo o sindicalista, ouvíronse disparos e pelotas de goma, e fuxiron cara á estación para se refuxiaren.

Este non é o único proceso xudicial que ten pendente o dirixente da CIG, xa que aínda permanece aberto outro procedemento penal contra el, neste caso pola ocupación do edificio da Xunta durante a folga do metal de 2007. Por estes feitos tamén está imputado, xunto a Antolín Alcántara, o daquela responsábel do naval do sindicato, Víctor García.

Alcántara: " É moi grave que se condene a penas de prisión dous dirixentes sindicais por entrar nun edificio público fuxindo dunha carga policial"

Declaracións de Alcántara

Ao coñecer a sentenza, Alcántara, secretario de Negociación Colectiva e Saúde Laboral da CIG declarou: "En parte estou satisfeito porque agardaba unha pena maior tendo en conta a crecente criminalización do movemento obreiro; de todos os xeitos, é moi grave que se condene a penas de prisión dous dirixentes sindicais por entrar nun edificio público fuxindo dunha carga policial. O peor de todo é que no caso de que se sume a pena ao xuízo que teño pendente suporía o meu ingreso na cadea.  Estas actuacións penais contra o movemento obreiro teñen moita máis gravidade nun contexto onde se están a cometer delitos económicos e financeiros case a diario, sen que ningún dos responsábeis se teña que sentar no banco dos acusados. Está claro que neste sistema os ricos non van á cadea porque, como di o proverbio, 'as serpes só pican os descalzos".

Comentarios