O BNG reclama ao goberno español explicacións sobre o posíbel “trato de favor” aos clubs de fútbol

A deputada do BNG, Rosana Pérez, reclamou no congreso a comparecencia do secretario de Estado de Deportes polos expedientes abertos pola UE a clubs de fútbol. Pregunta polas débedas con Facenda e Seguridade Social e se “recibiron trato de favor”. 

Os expedientes abertos pola Comisión Europea a clubs de fútbol profesionais por teren detectado axudas incompatíbeis coa lexislación comunitaria obrigarán a unha explicación do secretario de Estado de Deportes, de quen o BNG esixe comparecer no Congreso nunha iniciativa presentada por Rosana Pérez. 

A deputada nacionalista reclama unha explicación a indicación da Comisión Europea a respecto de que os clubs profesionais recibiron axudas públicas incompatíbeis coas normas comunitarias. As autoridades europeas sinalan que equipos como o Real Madrid puideron terse beneficiado de axudas públicas ilegais a través da recalificación da antiga Cidade Deportiva. 

Rosana Pérez lembra que o goberno terá un mes de prazo para convencer ao Comisario da Competencia da legalidade dos feitos recollidos no informe e lamenta que o Ministro de Exteriores se apresurara a declarar “que o Goberno vai dar a batalla até o final en defensa dos clubs españois, que tamén forman parte da marca España”, entusiasmo que lle gustaría escoitar á deputada nacionalista para sectores como o naval. 

“Está o Goberno reclamándolles o pago e sancionándoos como fai cos cidadáns, ou cos emigrantes retornados que cobran pensións do estranxeiro?”, pregunta Rosana Pérez a respecto da débeda do fútbol profesional coa Axencia Tributaria e a Seguridade Social, débedas que, segundo valorou, “son xa un trato de favor”.

Comentarios