O BNG afirma a súa disposición a unha mobilización unitaria no Día da Patria

A fronte nacionalista valora mesmo a opción de modificar o formato tradicional que veu desenvolvendo o 25 de Xullo 

O Bloque Nacionalista Galego partilla a proposta que nestas semanas agromou no tecido político, cultural e social do soberanismo instando a realizar unha mobilización unitaria do Día da Patria que sume a todo o nacionalismo, “organizado e non organizado”, en torno á defensa de Galiza como nación. 

O Consello nacional do BNG aprobou na súa última xuntanza, segundo informa fronte nun comunicado, “favorecer e sumarse” a unha celebración unitaria que cualifica de “desexábel”. Neste sentido, o BNG di que mesmo está aberto á “posibilidade de modificar o tradicional formato do BNG nesa cita anual emblemática, que conclúe coa intervención política do máximo responsable da formación nacionalista na Praza da Quintana”.

En todo caso, o BNG si que celebrará a súa propia campaña por todo o país con actos festivos arredor da idea da “unidade” de Galiza e celebrará tamén o habitual certame do Festigal, dúas xornadas de conferencias, debates, intercambio de ideas e música na Alameda compostelá.

Comentarios