Un AFondo para resgatar a historia negada do Reino de Galiza

Sermos Galiza publica un caderno monográfico arredor do desenvolvemento da nación galega no período baixomedieval co gallo da exposición que a AS-PG inaugurará o vindeiro 5 de decembro no Museo Provincial de Lugo baixo o lema 'Galiza nun tempo de seu'. Xa á venda na nosa loxa. 

Capa_A_Fondo_SG75

Coordenado por Marcos Maceira e Fran Rei, esta semana Sermos Galiza publica un caderno monográfico arredor do Reino de Galiza co obxectivo de facer emerxer un período da nosa historia que foi negado. Un período en que se definen as principais nacións europeas e no que Galiza vive importantes conflitos por manter un espazo que responda aos seus propios intereses. 

Co gallo da exposición que percorrerá a rede de museos provinciais de Lugo editada pola Asociación Socio-Pedagóxica galega (AS-PG), editamos oito páxinas coas que deitar un pouco de luz sobre algunhas das pasaxes da Galiza baixomedieval.

Da man do enxeñeiro e economista, Camilo Nogueira; o escritor e investigador, Francisco Rodríguez; o dramaturgo, Manuel Lourenzo e o profesor da UDC e escritor, Xosé Ramón Freixeiro Mato repasamos os acontecementos decisivos que tiveron lugar no noso país entre os séculos XIV e XV, desde o xurdimento do Reino de Galiza --un dos primeiros saídos do Imperio romano-- até a "doma e castración" importa polos Reis Católicos da man da súa monarquía centralizadora. 

A exposición que dá lugar a este AFondo será inaugurada o vindeiro día 5 de decembro ás 20.00 horas no Museo provincial de Lugo se ben, percorrerá toda a rede museística xerida pola Deputación. Aliás, estará acompañada dun ciclo de conferencias baixo o lema 'Galiza, nun tempo de seu'.

A seguir reproducimos o programa de conferencias:

  • Día 9: “O Reino Necesario”

O Reino de Galiza. O primeiro entre os reinos independentes saídos do Imperio Romano. O que explica a convivencia diferenciada durante séculos con Al Andalus e axuda a compreender a diversidade cultural dos reinos peninsulares. O Reino presente nos países do mundo que partillan a lingua criada entre o Atlántico e o Mondego. A lingua que nunca esmoreceu. 
Palestra a cargo de Camilo Nogueira

  • Día 10: Galiza, un país con clase dirixente: a perspectiva e alternativa galega na crise peninsular e europea da segunda metade do século XIV.

A conferencia ten como obxecto a análise do papel da clase dirixente galega e de Galiza no conflito entre nacións na segunda metade do século XIV para a configuración de hexemonías políticas e culturais na Península Ibérica. Desde esta análise, cómpre comprender por que o mapa político da Península se configurou como hoxe está co papel que Galiza cumpre nel, as distintas posibilidades que se truncaron e albiscar as diferentes posibilidades de futuro. Á vez comprobarmos até que punto o descoñecemento da nosa historia é unha das causas máis relevantes da nosa falta de conciencia colectiva.
Palestra a cargo de Francisco Rodríguez

  • Día 11: "O período de normalidade da lingua galega".

Desde o momento en que van emerxendo as linguas neolatinas como consecuencia da evolución do latín vulgar nos diferentes territorios do occidente europeo, o galego convértese en lingua oral de todas as clases sociais do reino da Galiza, de modo semellante ao que acontece co resto dos romances nos seus ámbitos respectivos. Como lingua escrita vaise continuar a utilizar o latín durante un tempo en toda a Romania, mais cando os romances comezan a asumir esa función, o galego tornarase tamén na lingua escrita do reino, tanto no ámbito literario como na prosa documental, situación que se manterá até finais do período medieval. Por tanto, a Idade Media pode considerarse o grande período de normalidade da lingua galega.
Unha palestra a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato

Comentarios