Absoltos os tres sindicalistas condenados a tres anos de cadea

A setenza feita pública esta terza feira pola Audiencia provincial absolve os tres sindicalistas condenados a tres anos de cadea e non admite recurso.

O ditame da Audiencia Provincial é claro, as persoas que foran condenadas a prisión pola súa participación na folga de comercio e alimentación desenvolvida en 2009 en Pontevedra fican absoltas de todo cargo e non se admitirá recurso algún. Marcos Cadórniga, un dos sindicalistas da CIG condenados que tomaban parte da folga de fame iniciada hai dez días perante a Audiencia Provincial, asegurou en declaracións a Sermos Galiza que se atopan "contentos persoalmente e tamén polas familias" após coñeceren o contido da sentenza publicada esta mañá.

Porén, asegura que "o problema segue aí" e que continuarán "adiante coa campaña denunciando a represión" que están a padecer os sindicatos, pois foi o estado, a través da fiscalía, quen os denunciou a eles. "Nós non imos parar", asevera o sindicalista argüíndo que malia seren absoltos "a represión" segue a aí.

Neste sentido, as concentracións convocadas para esta terza feira nas principais cidades galegas mantéñense, sendo a de Pontevedra a que acollerá o acto central.

BNG, congratúlase pola absolución

O BNG, a través do seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez, expresou  “os nosos parabéns aos tres sindicalistas absoltos esta mañá pola Audiencia de Pontevedra da sentenza xudicial, que os condenaba a tres anos de cárcere por defenderen os dereitos dos traballadores”. Vázquez pediu que “esta sentenza da Audiencia de Pontevedra sente un precedente para que se deixe de criminalizar a defensa dos dereitos dos traballadores e, en definitiva, a defensa dos dereitos democráticos máis esenciais”.

Comentarios