Nos seus textos asemblearios, Anova contempla “alianzas con actores distintos para diferentes ámbitos”

Anova mantén a súa aposta na constitución dunha “fronte ampla” que supere as barreiras entre o nacionalismo e a esquerda, con carácter non excluínte, o que na práctica significa incluír a esquerda española. Na perspectiva da súa primeira Asemblea Nacional, que irá decorrer os vindeiros 8 e 9 de Xuño de 2013, Anova abre a billa a unha política de alianzas “con actores distintos para diferentes ámbitos”.

Asemblea constituínte Anova-Irmandade Nacionalista
photo_camera Asemblea constituínte Anova-Irmandade Nacionalista

Esa é a principal conclusión que se tira da leitura dos textos elaborados pola comisión encarregada da redacción das teses a debate na súa primeira Asemblea Nacional ordinaria, que se irá realizar os días 8 e 9 de Xuño, e aos que tivo acceso Sermos Galiza.

Segundo os seus propios autores, estes textos son só "o primeiro rascuño" para "o debate que aínda se vai dar por dúas veces nas asembleas locais e por dúas veces en asemblea nacional de todas e todos os afiliados".

Anova non explicita nos seus textos a unidade do nacionalismo como obxectivo e, en troca, si fala da “unidade de acción” de nacionalismo e esquerda, que xulga debe realizarse “con carácter non excluínte”, isto é, aberto ao concurso de organizacións estatais.

A primeira concretización da Fronte Ampla é a coligación que Anova formou con Esquerda Unida, a organización galega de Izquierda Unida, para as eleccións ao Parlamento de Galiza. Anova xulga desexábel que a unidade de acción se alargue agora a novos “colaboradores”, abrindo a hipótese a que se “configuren alianzas con diferentes actores para distintos ámbitos”.

Dito doutro xeito: Anova -aínda que non o explicite dese xeito- non descarta o escenario dunha política de alianzas distinta en función dos diferentes procesos eleitorais, unha sorte de xeometría variábel, que podería levar ao partido de Beiras a cambiar de compañeiros de viaxe dependendo de que tipo de eleccións se tratar. Cumpre lembrar que os próximos comicios -se non houver adiantamento no Estado- serán as europeas de 2014 e as municipais de 2015.

A tese de Anova é que a condición previa da conquista da soberanía é o logro da hexemonía e iso pasa por construír un suxeito colectivo no que se pode integrar unha sección da esquerda estatal

No apartado intitulado "Alianzas eleitorais", a proposta de teses reitera a idea dunha "fronte ampla" alicerzada na "unidade de acción" e sempre coa "condición inescusábel de non admitir posicións excluíntes".

A decisión que se adoptar a respeito das alianzas eleitorais das que faga parte Anova será tomada "polo conxunto da militancia como estabelecen os estatutos" e "non terá que ser, necesariamente, a mesma en cada caso". Ou sexa: pode haber alianzas distintas en procesos eleitorais diferentes.

En todo caso, a aposta de Anova en AGE ten fasquía de ser estratéxica, até o ponto de sustentar nos textos a debate a tese de “a irrupción” da Alianza Galega de Esquerda ter vido a “crebar para sempre a foto fixa na que sobrevivía o nacionalismo galego”.

Aliás, Anova atribúese a paternidade de boa parte do suceso eleitoral de AGE á súa propia achega, pola súa práctica “anovadora” e o seu “discurso político nacionalista de esquerda” que terían resultado na atracción de antigos votantes de BNG, EU, e PSdeG-PSOE.

Autodeterminación cara á independencia e a soberanía como fetiche

Anova menciona entre os principios ético-políticos a respeitar pola súa militancia o da autodeterminación cara á independencia e, nese sentido, admira que nos textos non se faga a menor referencia aos procesos en curso cara á consecución dun Estado propio quer en Catalunya quer en Euskal Herria.

A respeito da soberanía, afírmase literalmente que "para ser algo máis ca unha palabra fetiche" terá que vir precedida da conquista da "hexemonía". A xuízo de Anova, iso só o pode facer "un suxeito colectivo representativo da maioría social agredida, para o cal non pode ser requisito que todos os inviduos se adscriban a unha cultura política".

A tese de fondo é, portanto, que para conquistar a soberanía é preciso facelo através dun "suxeito colectivo" que integre tamén unha sección da esquerda estatal, a liderada por Cayo Lara, dirixente que se ten pronunciado en contra do exercicio da soberanía de Catalunya.

Comentarios