Otegi, 5 anos preso: “O anti-terrorismo é un negocio e hai xente que teme que acabe”

O preso vasco entende que as “oligarquías políticas e financeiras que deseñaron a Transición española” están incómodas cunha Euskal Herria sen violencia.

Arnaldo Otegi nun acto público
photo_camera Arnaldo Otegi nun acto público

Desde a prisión de Logroño, onde leva 5 anos preso, Arnaldo Otegi escribiu unha reflexión sobre o proceso de paz en Euskal Herria da que se fan eco varios medios vascos e estatais. Otegi asegura que “demasiada xente” pensa aínda que “unha ETA de baixa intensidade e unha esquerda abertzale con dereitos limitados é mellor que o final de ETA, pois mentres haxa ETA Euskal Herria será cautiva, non poderá moverse”.

Para o dirixente independentista, “a idea que subxace neste pensamento é que é mellor que non haxa final da violencia a que haxa un mal final”. Otegi entende que as oligarquías económica e política que fixeron a transición están incómodas co escenario que trouxo que ETA renunciase á loita armada. O anti-terrorismo é un negocio económico e político e hai xente que teme que acabe”, argumenta.

Manifestación o 11 en Egoibar

A localidade natal de Otegi acollerá o vindeiro sábado, 11 de outubro, unha manifestación na que se pide a liberdade das cinco persoas condenadas polo caso Bateragune. Ducias de organizacións, colectivos e plataformas apoian esta mobilización. Entre elas, o BNG, que nun escrito trasladaba “toda a nosa solidariedade para Arnaldo, Arkaitz, Sonia, Miren e Rafa e, na súa representación, para a nobre causa da liberdade do pobo vasco”.

Comentarios