EPPK: "Recoñecemos con toda sinceridade o sufrimento e o dano multilateral causados"

O Colectivo de Presas e Presos Políticos Bascos (EPKK) emitiu un comunicado no que se declara disposto a explorar unha solución para as 600 persoas presas en cadeas españolas e francesas, individual, escalonada e "nun tempo prudencial". 

EPPK
photo_camera EPPK [Imaxe: NAIZ]

Desta maneira e através dun comunicado remitido aos diarios bascos Naiz e GARA, o EPPK amosouse partidario de que cada pres@ procure de maneira individual beneficios penitenciarios para seren excarcerad@s ou trasladad@s a prisións en Euskal Herria. Mesmo, sinalan no texto e video feitos públicos, "cando iso conleve implicitamente para nós a aceptación da nosa condena".

Aliás, sinalan, "asumimos toda a responsabilidade sobre as consecuencias das nosas accións" e, enfatizan, "recoñecemos con toda sinceridade o sufrimento e o dano multilateral causados", quer ás vítimas da violencia de ETA, quer á "práctica de tortura e a política penitenciaria" dos Estados español e francés. 

Así, continúan, "poderiamos aceptar que o noso proceso de volta á casa se efectuase empregando cauces legais", o que exixiría o recoñecemento por parte d@s pres@s das súas condenas e, mesmo, dos tribunais polos que foron xulgad@s. 

O histórico anuncio é o resultado dun debate no seo do colectivo que se iniciou froito das recomendacións emanadas do Foro Social co que din, procurarán novas vías de diálogo na búsqueda de novos acordos e fórmulas de materialización destes. Na súa mensaxe, EPPK subliña o seu compromiso "absoluto" co novo escenario aberto en Euskal Herria após o cesamento permanente ao fogo anunciado por ETA en 2011 e  súa renuncia expresa á loita armada. 

O comunicado do EPPK supón un importante paso no proceso de paz en Euskal Herria, actualmente paralizado pola inacción do Goberno español. 

Comentarios