Elgoibar: os pobos do mundo pola liberdade de Arnaldo Otegi

Unha manifestación pedirá este sábado na vila guipuscoana a liberdade do político vasco e @s outr@s catro condenad@s por impulsar o cambio de estratexia da esquerda abertzale. Haberá presenza galega.

Arnaldo Otegui
photo_camera Arnaldo Otegui

Elgoibar é unha vila de apenas 11.000 habitantes ancorada no Val do Deba, no interior de Gipuzkoa, e onde o nacionalismo é amplamente maioritario (7 concelleir@s Bildu, outr@s tant@s o PNV, 2 PSOE e 1 PP). Un núcleo industrial de pequenas e medianas empresas, rodeado de bosques de piñeiros, castiñeiros e faias e berce de pelotaris de renome (Kortabitarte, Arriola IV) e futbolistas que militaron na Real Sociedade (Bergara, Ansola) ou Athletic (Etxeberria). Tamén é o berce de Arnaldo Otegi, dirixente da esquerda abertzale encarcerado xunto con outras catro persoas por procurar a reconstrución da ilegalizada Batasuna co obxectivo de impulsar o cambio de estratexia da esquerda abertzale pondo fin á violencia armada.

Nestes cico anos todo cambiou en Euskal Herria (fin de ETA, novo ciclo político, novos actores...) Todo agás unha cousa: Arnaldo Otegi segue preso.

Por iso Elgoibar é a localidade escollida para acoller hoxe unha manifestación que exixirá a liberdade de Otegi e das outras catro persoas do coñecido como ‘Caso Bateragune’, e que levan xa cinco anos en prisión.

A mobilización partirá ás 17:00 horas da Praza principal de Elgoibar para percorrer a vila. Conta co apoio de múltiples organizacións, plataformas, colectivos, entidades, institucións e personalidades de Euskal Herria. Mais tamén de alén das súas fronteiras. Desde Irlanda (Sinn Féin) a Catalunya (CUP, ERC), Grecia (Syriza), Córsega, Portugal, Bretaña, Palestina, Sahara, Venezuela... choveron pronunciamentos de apoio á manifestación. Tamén de Galiza, desde onde o BNG, Galiza Nova e o Movemento Galego ao Socialismo -formación integrada no Bloque- enviaron comunicados de respaldo. Unha delegación galega estará presente na marcha.

“Somos culpábeis”

Arnaldo Otegi, Rafa Díez, Sonia Jacinto, Arkaitz Rodríguez e Miren Zabaleta (‘os 5 de Bateragune’) foron deti@s en outubro de 2009 e desde aquela permanecen en prisión, acusados de pertenza ou colaboración con organización terrorista. As condenas van entre os seis anos e os seis anos e medio de cadea.

“Se impulsar unha estratexia de tipo pacífica e democrática é delito, entón somos culpábeis”

@s propi@s condenad@s afirmaron durante o xuízo: “Se impulsar unha estratexia de tipo pacífica e democrática é delito, entón somos culpábeis”. Durante estes cinco anos, a estratexia tecida pola esquerda abertzale foi plasmándose en realidades como a fin de ETA, a apertura dun novo tempo de confrontación política pacífica en Euskal Herria, o nacemento de Bildu e Amaiur, experiencias de confluencia das esquerdas abertzales... Mais hai unha cousa que non cambiou en Euskadi nestes cinco anos: Otegi segue preso. Para que iso remate, milleiros encherán hoxe as rúas de Elgoibar, vila de industrias, pelotaris, futbolistas e de, quen sabe, quizá algún futuro lehendakari.

Comentarios