O día en que moit@s vasc@s saen de 'pintxos' após un partido do Atletic

O que aconteceu o 11 de xaneiro en Bilbo? Procuramos a resposta a esta pregunta nas páxinas de El País, El Mundo, La Razón, ABC e La Voz de Galicia. A cifra de asistencia á mobilización convocada polas principais forzas políticas e sindicais de Euskal Herría tirámola da Cadena Cope: 50.000 persoas.

imprensa1


"Foi a marcha pola paz... dos presos. Transcurriu co silencio... que alenta os asasinos". Enceta así a crónica que El Mundo comeza a narrar xa na capa para dar conta do que, segundo este xornal, aconteceu o sábado 11 de xaneiro nunha manifestación en Bilbo que cualifican de "unidireccional, estrondosa e sen resquicios de arrepentimento". A foto, para unha única persoa e co subtítulo 'Un mozo berra na marcha convocada por PNV e Sortu'.

Unha mobilización "unidireccional, estrondosa e sen resquicios de arrepentimento" segundo El Mundo

Mais o contributo do diario de Pedro J. Ramírez á mobilización en prol dunha saída ao conflito vasco non remata aí. A súa capa está partida pola metade. Á esquerda, unha imaxe da avogada Arantza Zulueta co titular "Estou aquí porque ETA me dixo que estivera. O día en que ETA me diga que colla unha pistola e mate, fareino". Á dereita, a marcha de Bilbo. Como relaciona El Mundo as dúas informacións? Colocando un cabezallo común que di así: 'Arantza Zulueta retrátase... e os nacionalistas mobilízanse no seu favor'. 

Nas páxinas interiores colocan a imaxe dun manifestante co pé de foto 'Con camisola de Herrira e tambor', quizais nunha tentativa de demostrar que, tal e como denunciou o Goberno español, a convocatoria do nacionalismo vasco fora feita pola organización Herrira, suspendida de actividade en outubro de 2013. No corpo da información descríbese o que foi a marcha para este xornal: "Centos de cartaces contra a dispersión dos reclusos de ETA, as pingas azuis repartidas por Tantaz Tanta, as bandeiras vermellas pola independencia e unha gran faixa coa palabra Askatasuna --Liberdade--". 

De ollarmos unicamente a capa do ABC, en Euskal Herría o sábado non aconteceu nada. Imaxe a toda páxina para a infanta Cristina e, á esquerda, un disimulado chamamento a consultar as páxinas de 'España' co texto "Alarde proetarra do PNV en Bilbo da man de Sortu". Dedican cinco páxinas a esta información. Procurámolas.

Na primeira, nun destaque, tres fotos de detalle d@s manifestantes entituladas "O nacionalismo vasco, subordinado a ETA". O titular da información, na mesma liña: "O PNV lidera con Sortu a manifestación proetarra con berros pola 'amnistía'". Polo medio do texto aparecen en destaque frases coma "Etarras excarcerados como 'Carniceiro de Mondragón' --así se refiren a Jesús María Zabarte--exhibíronse tomando copas e acudiron á marcha con nenos".

""Etarras excarcerados como 'Carniceiro de Mondragón' exhibíronse tomando copas e acudiron á marcha con nenos", informa ABC

Noutro destaque, imaxe da multitude que anegou Bilbo mais sen recoñecer en ningún momento que tal cousa aconteceu: o pé de foto só di que "Na marcha exhibíronse fotos de etarras e faixas". Debaixo da imaxe, o que pretende ser un pau para Ismael Moreno, o xuíz da Audiencia Nacional española que autorizou o protesto ao non achar indicio ningún para a prohibir, como pedira a fiscalía. Di o xornal de Bieito Rubido que "con independencia de quen a convocara, a manifestación respondía á estratexia de Herrira" e Moreno permitiuna "malia que a Garda Civil advertira de que era herdeira da anulada".

Un artigo de 'Análise' describe o PNV como "tonto útil" e ao resto do nacionalismo vasco e os milleiros de manifestantes como "a súa comparsa". O resto da páxina, titulada 'Ofensiva proetarra: reaccións políticas' é para Arantza Quiroga, a presidenta do PP vasco. Co mesmo titular, 'Ofensiva proetarra', as dúas páxinas restantes son para a operación da Garda Civil en que prenderon varias persoas, entre elas avogad@s dos e das presas de ETA. 

A foto da capa de La Razón tamén é para o integrante da organización ETA Jesús María Zabarte, quen quedou en liberdade após cumprir a condena imposta e após Estrasburgo ilegalizar a aplicación retroactiva da doutrina Parot. Del destacan que levaba "un pano palestiniano" e que "estivo de viños con compañeiros". O titular da capa, co que introducen a información da manifestación de Bilbo, é este: "A festa do carniceiro".

"A festa do carniceiro" que levaba "un pano palestiniano" e partillou "viños con compañeiros", describe La Razón

A crónica do interior vai na liña de todo o sinalado até aquí. O titular, a sete columnas, describe unha marcha de 130.000 persoas polos dereitos humanos e unha solución para o conflito vasco como "A pinga que colma o vaso da vergoña". No interior a seis columnas publican os pasos a seguir para preparar "un canutillo" dos que se "introducen polo cú" para que "ETA, a través da Fronte de Cárceres, faga chegar mensaxes aos presos". 

Unha imaxe da multitude é a que leva El País á súa capa co titular "Máis de 100.000 vascos súmanse á marcha polos presos de ETA". Recoñece este diario que foi esta "unha das concentracións máis numerosas en Euskadi" e a foto do interior, a seis columnas, volve ser para a multitude. Noutra imaxe, de detalle, un home reclama o translado a Euskal Herría d@s pres@s vasc@s portando unha bandeira.

"Todo un símbolo de protesta que rezumaba sesgo abertzale" para El País

Na información, parágrafos coma este: "En realidade a marcha supuxo todo un símbolo de protesta cara á actitude do Goberno español, mailia que rezumaba o sesgo abertzale propio deste tipo de mobilizacións". E debaixo da información un artigo de 'Análise' entitulado "A Rajoy ábreselle unha nova fronte". Despezamento para as declaracións de Sortu e PNV.

Por derradeiro, consultamos La Voz de Galicia. Na capa, a infanta Cristina, a "mala defensa" do Obradoiro... mais nin unha soa alusión á mobilización de Bilbo. Nada. No interior, algo máis de media páxina. Foto para a cabeceira da manifestación e de titular "Unhas cen mil persoas dan o seu apoio en Bilbo aos presos de ETA". Polo medio do texto critican a presenza do PNV nun acto canda Sortu, "sucesor de Batasuna" e no destaque as críticas de PSOE e PP ao PNV por "quebrar a unidade". 

Segundo a capa de La Voz, en Bilbo non pasou ren

Circula polas redes sociais unha portada falsa de La Razón cunha imaxe da multitudinaria mobilización e o titular "Moitos vascos saen de 'pintxos' após un partido do Atletic". O repaso ás páxinas da imprensa española deixa unha sensación parecida do que foi, en realidade, unha maré humana pola konponbidea, a solución do conflito.

Comentarios