As ''causas naturais'' da morte de Arkaitz Bellón, o preso vasco que denunciara catro malleiras

Sen dados aínda da autopsia practicada, a familia solicitou un segundo exame, desta volta en presenza dun ou dunha médica "de confianza". O preso apareceu morto nunha cela do cárcere Puerto I en Sevilla, a 1.000 km da súa casa. 

arkaitz
photo_camera [Imaxe: Etxerat]

"Causas naturais". É a versión oficial da morte do preso vasco Arkaitz Bellón que aparece na nota emitida por Institucións Penitenciarias sen ter realizado análise nengunha. Tamén informaron de que foi atopado "inmóbil na cama" e que os servizos médicos, avisados "inmediatamente" constataron "que o interno estaba sen vida e sen ningún signo externo de violencia".

Sen coñeceren aínda os resultados da primeira autopsia, @s avogad@s de Bellón e a familia solicitaron personarse nunha segunda autopsia a través dun ou dunha médica "de confianza". Na plataforma de familiares de pres@s vasc@s Etxerat hai algo que non calla. Arkaitz Bellón, veciño de Elorrio, un municipio gobernado historicamente pola esquerda abertzale --o alcalde actual é Niko Moreno--, levaba preso desde 2003.

A Audiencia Nacional española condenouno --canda outros dous cidadáns vascos-- a 13 anos de cárcere por ter participado en actos de kale borroka. No concreto, por ter queimado caixeiros automáticos, un ataque con cócteles molotov contra axentes da Ertzaintza e a queima de dous autobuses baleiros. Os incidentes aconteceran na Aste Nagusia de Donostia en 2000. A súa posta en liberdade estaba prevista para maio deste ano. 

Catro malleiras "brutais" 

Con todo, o que non conta a nota emitida por Institucións Penitenciarias son as denuncias que Bellón presentara polas malleiras que lle propinaron en "polo menos catro ocasións" e os castigos que se lle impuxeron nos cárceres do Estado en que ficou submetido á dispersión, segundo dados facilitados por Etxerat. As dúas últimas tundas recibiunas en 2010 e 2013 en Sevilla II, onde en marzo sufriu "unha malleira brutal" a mans dos funcionarios no transcurso do rexistro da súa cela, segundo consta na denuncia que interpuxo o preso. Foi o terceiro episodio en poucas semanas entre pres@s vasc@s.

Clasificado en primeiro grao de tratamento penitenciario, Bellón ficaba só nunha cela. A actitude "violenta" dos carcereiros alentou unha folga de fame d@s 13 pres@s vasc@s que durou un mes. A morte de Arkaitz Bellón, só un mes despois da maré humana que anegou Bilbo contra a dispersión, é a terceira dun preso vasco que se produce en menos dun ano: Ánjel Figueroa morreu no seu domicilio en marzo de 2013, onde cumpría prisión atenuada por mor dunha enfermidade; 15 días despois faleceu Xabier López Peña nun hospital en París, a onde fora transladado após sufrir un infarto e un derrame cerebral.

Comentarios