A Audiencia Nacional nega a liberdade a Uribetxeberria

O informe enviado polo fiscal da Audiencia Nacional di que o preso "non se atopa nunha situación claramente terminal" nin "no último período da súa vida". Pola súa banda, o ministerio Público pediu ao xuíz central de Vixiancia penitenciaria que non libere o preso arrasatearra pois asegura "non cumpre cos requirimentos exixidos pola lexislación vixente".

Aínda que os informes médicos achegados pola equipa sanitaria que atende a Josu Uribetxeberria no Hospital Donostia indicaban que o preso vasco se atopa en fase terminal froito dun cancro irreversíbel, o xuíz central da Audiencia Nacional ditou un informe contrario á excarceración de Uribetxberria argüíndo que o seu estado de saúde non é tan grave e pode ser tratado polos servizos médicos na cadea de Zaballa (Araba).

Segundo o fiscal "ningún dos informes médicos que foron achegando fixeron constar, literalmente, que existise perigo patente para a vida do interno" polo que non aplicará o artigo 196.2 do Regulamento Penitenciario. Así mesmo, entende que o terceiro grao recoñecido xa para Josu Uribetxeberria permite "de maneira flexíbel" proporcionar os tratamentos que lle sexan precisos.

Doutra banda, o fiscal considera que a privación de liberdade e a estancia na cadea non constitúen "un factor determinante dunha diminución das expectativas de vida". Porén a equipa médica do Hospital Donostia afirmaba no seu informe que o recluso posuía o 90% de posibilidades de falecer antes dun ano.

Camiñar a prol da liberdade
Persoas da cultura e do ámbito social vasco fixeron pública esta mañá a convocatoria dunha marcha pola liberdade d@s pres@s gravemente enferm@s. A iniciativa percorrerá o camiño que vai desde o Hospital Donostia --ondee se atopa Josu Uribetxeberria-- até Arrasate e desenvolverase en catro etapas.
Segundo as persoas convocantes, o obxectivo da marcha é demandar a liberación "por lei e por dereito d@s pres@s con enfermidades graves e incurábeis", polo que pediron que a sociedade participe activamente.

Comentarios