Esteban Raposo: "Chamámonos Toldos Gómez pero facemos moitas máis cousas que cubertas de lona contra o sol"

A Galiza é a súa "praza", un mercado que Toldos Gómez insiste en seguir coidando antes de avanzar cara ao exterior. Esta empresa familiar, con sede en Arzúa e unha herdanza artesanal que aínda se advirte na fabricación a medida para cada cliente, factura ao ano máis de cinco millóns de euros. Esteban Raposo, director xerente de TGM, achéganos a un negocio secular moito máis diverso do que o seu nome indica.
Esteban Raposo. (Foto: Arxina)
photo_camera Esteban Raposo. (Foto: Arxina)

Toldos Gómez é unha empresa familiar con máis dun século de historia. Onde comezou todo? 

A orixe de Toldos Gómez ten lugar a principios do século pasado. Había un home, Antonio Gómez Rodríguez, nado na aldea de Cortiñas, Pereiro de Aguiar, que emigrou á Coruña para buscar a vida. Alí aprendeu o oficio de albardeiro nun taller que había no Orzán. Tras aprender o oficio estabeleceuse en Arzúa, onde hai dous grandes mercados, 8 e 22 de cada mes, con moita antigüidade e un intercambio importante de cabalos e bestas. Para quen se dedicaba ao negocio das albardas era unha localización moi interesante, así que sobre o 1909 puxo en marcha o seu propio taller. 

Antonio Gómez casou con Matilde Cea. Eran os meus bisavós. Tiveron oito fillos, que Matilde se ocupou de criar en solitario tras enviuvar, moi nova, en 1936, pouco antes do golpe de Estado. Con todo, decidiu continuar coa actividade empresarial que tiña seu home, cos mesmos traballadores, até que os fillos máis vellos, Manuel e Cándido, se incorporaron ao negocio e fundaron Hermanos Gómez. Aí, comezaron a facer cadeiras de montar e outros aparellos de gornición que até o momento non se facían na Galiza. 

En que momento vira o rumbo deste negocio artesanal? 

Coa aparición da maquinaria agrícola. Nos anos 60 e 70 a introdución e proliferación dos primeiros tractores fixeron desaparecer de moitas casas as bestas, burros e cabalos que había que aparellar para labrar a terra. De súpeto, perderon todos os clientes. Mais neste contexto de crise souberon aproveitar as máquinas de coser das que dispuñan e empezaron a traballar con lona, coa que xa probaran a facer algunha cousa, como traxes de augas. Foi así como se iniciaron na actividade dos toldos de sol, nun momento en que a terceira xeración, os netos de Antonio Gómez, xa estaban incorporados ao negocio. 

Aí comezaron a funcionar dúas unidades distintas: unha dedicada ás pezas de gornición, dirixida a persoas que tiñan cabalos, máis por deporte que para traballar, e outra centrada nos toldos; dúas sociedades que a familia decidiu separar en 1990, aínda que seguimos actuando por xunto para algunhas cousas baixo unha mesma propiedade. 

Toldos Gómez transformou un negocio artesanal nunha industria punteira que conserva a figura dun cabalo no logotipo. Segue a ser unha empresa familiar? 

É familiar ao cento por cento. Co paso das novas xeracións, a propiedade foise fragmentando pero todas as socias e socios actuais son descendentes de Antonio Gómez Rodríguez, que foron incorporando os seus herdeiros, curmáns entre si. Eu son parte da cuarta xeración. Entrei como empregado e en 2016 asumín a remuda de Antonio Gómez Alamancos á fronte da empresa. O meu predecesor foi quen realmente elevou o negocio desde as marxes ao máis alto do sector, con delegacións en varios puntos da Galiza. Non foi o fundador mais si o artífice principal de Toldos Gómez. Foi quen puxo a empresa de cero a cen, e tamén quen tivo a visión, antes de se xubilar, de constituír un consello de administración con asesores externos que, baixo o meu punto de vista, achega unha grande axuda profesional ás empresas familiares.

Nos últimos anos Toldos Gómez impulsou a experiencia empresarial, incorporou xa membros da quinta xeración, tataranetos do fundador, ao cadro de traballadores, e todo, desde a localización orixinal, Arzúa. 

O principal centro de traballo segue en Arzúa, onde temos dúas sedes, na parroquia de Burres e no parque empresarial, máis recente. Ademais temos outra en Santiago e unha máis en Bergondo. O groso da produción, onde facemos cousas máis complexas e traballa a maioría do persoal, está en Arzúa. En Santiago e Bergondo prestamos varios servizos, sobre todo aos transportistas, facemos algunha reparación, atención comercial e cousas que hai que resolver no día.

Con cantos traballadores contan? 

Agora mesmo somos 94 persoas, a maioría dedicadas á produción e á instalación. Pero tamén temos persoal de administración e comercial, ademais dunha oficina técnica que queremos potenciar ao máximo.

Pode haber quen aínda crea que Toldos Gómez atende exclusivamente a demanda de protección solar? 

Comentámolo moitas veces no seo da empresa. Se cadra, levar un dos produtos que facemos no nome pódenos prexudicar a nivel comercial. Chamámonos Toldos Gómez pero facemos moitas máis cousas que toldos. O lema histórico da empresa era 'Cubrimos toda Galiza' pero ultimamente usamos o de 'Moito máis que toldos' ademais de empregar a marca TGM, que non apunta só ás cubertas contra o sol. 

Temos seis vías de negocio: protección solar, cunha gama moi ampla de produtos; confección de téxtiles técnicos, onde traballamos con lona sobre todo para a industria; impresión dixital, que comezou como un extra para traballos propios e acabou como complemento doutras liñas mais con encargas de seu; lonas para o transporte: camións, remolques, barcos; cintas de amarre e elevación, e carpas e estruturas. Só as dúas primeiras, protección solar e téxtiles técnicos, representan perto de 80% da nosa facturación, que agora mesmo se sitúa por riba dos cinco millóns anuais.

A produción a medida é un dos emblemas da casa, é unha herdanza do negocio artesanal? 

Unha das nosas peculiaridades é que non temos nada fabricado. Producimos unha vez chega o pedido do cliente, o que queira, da medida que nos indique coa forma e a cor que nos diga. Ás veces abonda con que nos chame ou veña por aquí e outras veces imos á súa casa, negocio ou industria para ver as necesidades in situ. Presentámoslle unha solución e unha oferta económica e cando acepta pasa a unha oficina técnica, que estamos a desenvolver como valor diferencial, xera unha instrución de fabricación e vai directamente ás fábricas de corte, soldadura, costura, reforzos e outros acabados.

Onde están os clientes de TGM? 

Os nosos clientes están aquí, principalmente, na Galiza. Representan 80% do total, porque boa parte dos nosos produtos requiren instalación e iso complica a exportación. Despois traballamos con clientes do resto do Estado, e algún dos primeiros que tivemos están fóra. Destes, hai un que para nós é moi importante. Está en Romanía. Foi absorbido por unha multinacional que desprazou alí a produción desde Catalunya e que escolleu seguir traballando connosco. Supón 5% da nosa facturación.

Séntense atraídos pola idea de  avanzar no mercado internacional?  

Desde a Administración parece que hai certa presión para incrementar a internacionalización. Semella que as pemes temos que abrir mercados fóra do Estado español a toda costa. Pero nós cremos que aínda temos percorrido na contorna máis próxima antes de puxar por mercados máis afastados. O que sucede é que sen nós buscalo, sen unha actividade comercial proactiva, grazas á globalización e a unha web renovada con todos os contidos en galego, castelán e inglés, é bastante frecuente que cheguen solicitudes comerciais de Polonia, Portugal ou Francia. 

Pero insisto, os nosos esforzos céntranse en manter e defender a praza actual, que é a Galiza. Queremos seguir atendendo ben eses clientes e ir gañando outros novos do resto do Estado sen desprezar os que veñan doutras partes de Europa.

Transmite unha moi boa sintonía coa clientela. 

Tanto por volume de facturación como por número de empregados estamos moi lonxe dos nosos competidores. Na Galiza somos a referencia do sector. Historicamente, este recoñecemento percibido polo público da nosa marca é algo que nos dá moita satisfacción. Que nos digan que non se lles ocorre ninguén máis que poida atender a súa demanda é moi grato e consideramos que é un dos principais activos de TGM.

Cal foi o impacto da pandemia no negocio e cal o que veu seguir coa crise das materias primas, dos combustíbeis e coa suba da inflación? 

O certo é que padecemos moito os primeiros meses da pandemia. Traballamos ao día, sen contratos a longo prazo. Así que en marzo de 2020, de súpeto, deixaron de entrar pedidos e deixamos de fabricar. Pero serviunos para reconectar co contorno e coa nosa forma de ser. A responsabilidade social é algo que temos moi presente e xa que tiñamos medios produtivos e non había encargas, decidimos facer unhas caretas de protección contra a Covid que doamos a quen as pediu. E os cartos que nos fixeron chegar, malia todo, tamén os cedemos á Cruz Vermella. Foi unha experiencia da que estamos moi orgullosos. 

Cando se reiniciou a actividade empresarial e a hostalaría comezou a traballar en exterior, necesitou adaptar as terrazas e viñeron a nós. Aí empezamos a recuperar e a traballar máis, e seguimos en 2021 co impulso das persoas particulares que se animaron a acondicionar as súas terrazas para estar máis tempo en casa. 

Entón xuntouse unha demanda moi alta cun gran problema de abastecemento de materias primas. Os clientes pedían pero nós non podiamos servir todo o que requirían. Despois diso fixemos un bo aprovisionamento malia a suba de prezos. Este ano estamos a recibir pedidos sobre todo por parte da industria. Notamos o particular máis retraído, pola inflación e porque xa teñen as vivendas a punto.

Reducir a pegada ambiental é un dos compromisos corporativos máis urxentes e ineludíbeis. Que modelo ambiental defende TGM? 

En 2006 implantamos dúas normas internacionais de xestión ambiental: a ISO 14.001 e o sistema de xestión e auditoría ambiental EMAS, polo que rexistramos os residuos que xeramos, a auga que consumimos e o impacto ambiental da empresa. Facémolo de forma sistemática e publicamos os resultados cada ano. Esa declaración ambiental pódese consultar na nosa web e está auditada de forma externa. 

A medida que identificamos e cuantificamos os impactos máis significativos, estabelecemos un obxectivo anual. Hai un lustro mudamos a frota de vehículos diésel e gasolina por GLP (gas licuado do petróleo) dado que o noso maior impacto vén dese tráfico continuo e queriamos reducir a emisión de CO2. Este ano o obxectivo é reducir os residuos, polo que estamos a ver opcións de economía circular para fabricar produtos, como bolsas ou carteiras, con restos de lona.

Onde e como imaxina o futuro de Toldos Gómez? 

O futuro de TGM imaxínoo en termos de crecemento, traballo a medida para cada cliente, creando emprego na comarca de Arzúa e ampliando o mercado fóra da Galiza. Tamén o vexo moi vinculado á parte de dixitalización e comercio electrónico. Por outra parte, temos unha carteira de produtos moi ampla e liñas de negocio suficientes para encaixar calquera solución nova que apareza. E están a xurdir cousas: pérgolas bioclimáticas, toldos que se integran con sistemas domóticos e asistentes virtuais, tecidos intelixentes con usos moi diversos na industria. Os produtos evolucionan, pero dentro das liñas que xa temos.

Máis en Entrevistas
Comentarios