O PSOE chama á participación o 21-O

O PSdeG-PSOE realizou o seu mitin final en Compostela coa presenza de Alfredo Pérez Rubalcaba. Pachi Vázquez centrouse en animar a participar nas votacións do domingo.
Pachi Vázquez e Alfredo Pérez Rubalcaba
photo_camera Pachi Vázquez e Alfredo Pérez Rubalcaba

En Compostela e acompañado polo Secretario Xeral do PSOE, despois de teren participado noutro mitin en Pontevedra. Así encerrou a campaña electoral rumbo o 21-O o aspirante socialista, Pachi Vázquez, quen pediu o voto para ser “o presidente das persoas, das familias, da verdade e do emprego”.

Nas súas últimas mensaxes de campaña, o candidato do PSdeG-PSOE animou a participar das eleccións. “Unha ampla maioría de galegos e galegas queremos cambiar o goberno e ao país, e o único que nos pode facer dano é quedar na casa porque eles non son tantos, pero van todos a votar” dixo. Dirixiuse especificamente “á xente que ten esperanza e non lle ten medo ao futuro, ás familias, á mocidade e aos pensionistas para que co seu voto impidan os recortes de dereitos”.

Pachi Vázquez demandou o apoio para poder formar “un goberno que garanta o cambio e pense na xente e nos seus problemas”. Asemade, volveu advertir de que Feijóo e Rajoy procuran nestas eleccións obteren un “cheque en branco” para continuar coas políticas de recortes.

Pola súa banda, Alfredo Pérez Rubalcaba, que mesmo fixo gala dalgún tópico ao afirmar “o cambio está nas vosas mans: meigas fora!”, dixo que “Feijóo sabe de enxeñería contable, maxia e trampas, pero os galegos non necesitan un contable experto en trampas, senón a alguén como Pachi Vázquez, que lles mire á cara e lles diga a verdade, que fale claro e que lle diga non a Rajoy cando queira prexudicar a Galicia”. Aliás, o líder do PSOE criticou que Feijóo pasase de ser “un tigre de Bengala contra Zapatero” a “un gatiño con Rajoy”.

Comentarios