O balanzo do goberno Feijóo é un “libro en branco” para o BNG

Jorquera denunciou no acto de presentación da candidatura nacionalista en Ourense a “pésima” xestión da Xunta de Feijóo. Acusa o popular de non ter sido quen de dar resposta “a ningún dos principais problemas d@s galeg@s”.
Jorquera no acto de presentación da candidatura do BNG por Ourense
photo_camera Jorquera no acto de presentación da candidatura do BNG por Ourense

O BNG prosegue coas presentacións das candidaturas aos comicios do 21-O. Esta terza feira foi a quenda de Ourense. Na cidade das burgas Jorquera denunciou a “pésima” xestión da Xunta de Feijóo, sinalando que malia os duros recortes en servizos públicos acometidos polo Partido Popular, Galiza é a sexta comunidade autónoma do estado con maior débeda despois de se multiplicar por 2,5 nos últimos catro anos.

En palabras do candidato nacionalista o balanzo do goberno Feijóo é “un libro en branco”, dado que “non foi quen de dar resposta a ningún dos principais problemas d@s galeg@s”. Como exemplos citou a elevadísima taxa de desemprego ou o estancamento produtivo en numerosos sectores, o que para Jorquera describe “unha economía ao borde da ruína”.

“O BNG ten ideas fronte a un PP que só propón máis recortes e privatizacións” asegurou Tereixa Paz

A solución pasa, para a fronte nacionalista, por apostar por políticas que defendan os servizos públicos, rexeneren a democracia e avancen no autogoberno. Para ese fin, Jorquera afirmou que no BNG teñen "o mellor programa, as mellores listaxes e a convicción de que ‘en bloque’ podemos acadar un novo tempo político”

No acto do BNG en Ourense tamén interviñeron a cabeza de listaxe provincial d@s nacionalsitas, Tereixa Paz, e o número dous, Xose Manuel Cid. Paz puxo en valor que “o BNG ten ideas fronte un PP que só propón máis recortes e privatizacións”. Pola súa banda, Cid defendeu que a candidatura nacionalista reflicte a pluralidade, tanto interna como social.

Retruque a Feijóo sinalando a división da dereita

Respodendo as declaracións de Feijóo en que se presentaba como “garante da unidade e da estabilidade” fronte ao “caos” que suporía, para o popular, un novo goberno de coalición, Jorquera espetoulle que non pode ofrecer nin a solvencia nin a estabilidade de que presume, despois do fracaso da súas políticas e da forte división na dereita. “Aí están a dimisión de Esperanza Aguirre e algúns ex altos cargos do PP apoiando a Mario Conde ou as leas en Ourense con Baltar” dixo.

Comentarios