Menor partipación e protestas en Vigo

A mañá rexistrou 4 puntos menos de participación que nos anteriores comicios. No ambiente da xornada está a resaca das mobilizacións que marcaron o mandato na cidade olívica. Feijóo é recibido con apupos cando se dispuña a votar.
Votación en Vigo
photo_camera Votación en Vigo

Chegou o 21 de Outubro. Chegou o día en que os galegos e as galegas deciden o futuro para Galiza. As urnas serán hoxe optarán polo cambio político no Parlamento galego ou pola contra por anovar ao PP no poder por catro anos máis. Pero Galiza non só decide o seu goberno. Decide tamén o seu futuro en materias como economía, educación, sanidade. A resaca das intensas protestas que caracterizaron o mandato que cesa está presente no ambiente nos colexios.

Así se percibe en Vigo, unha das prazas clave nas que se xogan os comicios. Na cidade olívica a mañá desta xornada electoral estivo caracterizada por unha participación algo menor que fai catro anos. Á primeira hora tan só un 1% achegábase aos distintos colexios repartidos por todo o municipio. A medida que avanzaban as horas o grupo foi ampliándose ata acadar unha media de entre 10 e 20 persoas por mesa das 600 que en promedio deberían votar en cada unha. A participación repuntou a media mañá, cando a porcentaxe de votantes atinxía o 10% do total.

Hai que ter en conta que as boas condicións climatolóxicas poden retrasar a visita ás urnas ata última hora da tarde. Algunhas impresións recollidas entre as e os votantes sinalan que estas eleccións poden rexistrar menor número de participación debido ao contexto da crise e a desafección política. Outros pola contra, pensan que precisamente iso será o que anime a máis xente a acudir as urnas. Así o ven en colexios electorais como o da Casa das Artes de Policarpo Sanz, o CEIP Carrasqueira de Coruxo ou no Pavillón das Travesas.

A respecto de que candidato que podería saír elixido as impresións son diversas. Algúns pensan que o Partido Popular sairá vencedor mais sen maioría absoluta. Outro amplo grupo opina que as forzas da oposición, BNG e PSdeG, e os de recente creación poderían recadar máis votos dos pensados. Todos coinciden no mesmo: haberá que esperar ao peche dos colexios para resolver a incógnita duns comicios que pintan estar abertos.

A xornada electoral estase a desenvolver sen incidencias destacábeis na cidade de Vigo, agás a producida no colexio no que votou Alberto Núñez Feijoó, candidato do PP que foi apupado por un grupo de persoas que denunciaban a política lingüística do goberno saínte e lanzaron consignas a favor das e dos presos independentistas. Houbo tamén algunha mesa constituída un chisco máis tarde pola ausencia de algúns membros da mesma pero sen maior complicación.

Comentarios