Jorquera deixa o Congreso despois de sete anos defendendo en Madrid os intereses de Galiza

O candidato do BNG á Presidencia da Xunta formalizou onte a súa reununcia como deputado no Congreso, despois de ter defendido 734 iniciativas parlamenteres. O seu escano será asumido por Rosana Pérez. Jorquera pronunciou a pasada terza a súa derradeira intervención no Parlamento español reivindicando a política ao servizo do pobo.

Francisco Jorquera renunciou onte ao seu escano no Congreso para se centrar na campaña do 21-O. A pasada terceira feira pronunciaba a súa derradeira --como el mesmo dixo literalmente-- intervención no Parlamento español.

Na súa alocución, que puña fin a máis de 7 anos nas Cortes do estado representando o BNG --primeiro no Senado e desde 2008 no Congreso--, Jorquera declarou cunha emoción que describiu como “paradóxica nun soberanista” que fora unha honra “ter a oportunidade de falar desde a mesma tribuna en que o fixeron destacados galeguistas como Castelao, Suárez Picallo, Otero Pedrayo ou Antón Vilar Ponte”.

Reivindicación da política ao servizo do pobo

Malia as evidentes diverxencias entre as posicións defendidas ao longo destes anos polo nacionalista como portavoz parlamentar, Jorquera aproveitou os seus últimos minutos na palestra do Congreso para reivindicar a política. “Fronte a imaxe que moitas veces se proxecta do Parlamento, aquí convivín con deputad@s honest@s, traballador@s e riguros@s”.

Porén, formulou algunhas críticas a respecto do funcionamento da cámara afirmando a súa preocupación “pola perda de vitalidade política e democrática desta”. “Moitas das decisións fundamentais para o futuro da sociedade non se substancian neste ámbito, moitos dos problemas que afectan á vida diaria dos pobos e da cidadanía non teñen reflexo nas prioridades da axenda parlamentar”, denunciou.

Asemade, defendeu a necesidade dunha democracia real, máis participativa, que segundo Jorquera pasa pola revitalización dos parlamentos, para os converter en “auténtica expresión da vontade popular”.

Agradecementos por un "traballo de equipo" e ovación de toda a cámara

O até onte portavoz do BNG no Congreso tivo palabras de agradecemento para a súa equipa. “Tocoume poñer voz en nome do BNG un traballo de equipo” lembrou. Na tribuna de convidad@s estaban presentes moit@s d@s súas e seus colaborador@s.

Jorquera concluíu a súa intervención cun “até sempre, moitas grazas”, tras o que recibiu a ovación de todo o arco parlamentar durante algo máis dun minuto. Ademais, o Presidente do Congreso, Jesús Posada, dirixiuse ao deputado nacionalista para lle expresar en nome todos os grupos “a enorme satisfacción” por teren compartido cámara con el. “Pode vostede sentirse orgulloso do labor realizado” aseguroulle Posada.

Unha intensa acción parlamentar en defensa do pobo galego

A súa saída do Congreso para se centrar nas eleccións do 21-O en que é candidato á presidencia da Xunta polo BNG, pon punto e final a unha traxectoria marcada por unha intensa acción parlamentar.

734. Ese é o número de iniciativas parlamentares asinadas desde 2008 por Francisco Jorquera como deputado. Cifra que lle fixo merecedor, canda a tamén deputada nacionalista Olaia Fernández Davila, do recoñecemento ao BNG como un dos grupos parlamentares con maior actividade, malia non contar con grupo propio e ser un deputado e unha deputada. 

66 preguntas orais, 644 preguntas escritas, 22 solicitudes de informes e 2 propostas de comisión ou ponencia, constitúen a bagaxe parlamentar de Jorquera en Madrid, centrada na defensa dos intereses de Galiza e nomeadamente das clases populares.

As principais iniciativas do BNG no Congreso

As principais iniciativas parlamentares do BNG desde que Francisco Jorquera Caselas asumises en 2008 a portavocía nacionalista no Congreso, centráronse na defensa dos sectores produtivos galegos (leite, pesca, enerxía, conserva ou construción naval). 

En materia económica o Bloque apostou por unha saída social á crise, en coordenadas moi diferentes ás propostas polos gobernos de Zapatero e Rajoy, opoñéndose á todos os seus paquetes de recortes e formulando propostas alternativas (apoio a PEMEs, reforma fiscal, salario social para desempregad@s de longa duración). Tamén foi significada a defensa do aforro galego contra o proceso de centralización e bancarización das caixas. Jorquera manifestouse rotundamente contrario á reforma da Constitución, pactada entre PP-PSOE para garantiren o pagamento da débeda coa banca privada transnacional.

No eido social e do traballo, o BNG opúxose frontalmente ás reformas laborais aprobadas por Zapatero e Rajoy, así como á reforma das pensións que supuxo o seu empobrecemento e o atraso na idade de xubilación. @s nacionalistas fixeron tamén numerosas propostas co fin de aminorar os efectos sociais da crise, entre as que destaca a demanda da dación en pagamento das hipotecas para evitar os desafiuzamentos. En relación ás políticas de igualdade, o BNG votou a prol da lei de interrupción voluntaria do embarazo, hoxe ameazada polo Partido Popular.

A defensa dun maior autogoberno para Galiza foi unha constante da acción parlamentar do Bloque en Madrid, defensa que se substanciou na solicitude de transferencia das competencias en materia de tráfico ou na proposición de eliminación das deputacións provinciais. 

En materia de política internacional o discurso da fronte nacionalista estivo marcado por un forte compromiso en chave antimperialista, reclamando reiteradamente o regreso das tropas de Afganistán, opoñéndose a intervencións militares como a de Libia e procurando axuda a pobos oprimidos como Palestina ou o Sáhara.

Engádense tamén iniciativas que pretendían favorecer o desenvolvemento de infraestruturas do país, cunha teimuda reivindicación da mellora dos camiños de ferro e do tren de proximidade para Galiza. Ademais da oposición ao desenvolvemento nuclear ou á denominada Lei Sinde, ambas as dúas cuestións incluídas na denominada Lei de economía sostíbel aprobada por Zapatero.

Comentarios