Compromiso por Galicia aposta por Pérez Bouza e pecha en Ourense

Os catro candidatos de Compromiso por Galiza déronse cita en Ourense para pechar a campaña, deixando á vista que é nesa provincia onde estiman que poden ter posibilidade de obter representación. Presentáronse, de todas maneiras, como unha forza a longo prazo.
Os catro cabezas de lista de CxG
photo_camera Os catro cabezas de lista de CxG

Os outros tres candidatos de Compromiso por Galiza deixaron a campaña das súas respectivas circunscricións para se dirixiren a Ourense, provincia na que Pérez Bouza é o seu candidato e na que contan ter posibilidade de lograr representación. Puxeron así os da formación liderada por Xoán Bascuas toda a carne no asador de Ourense até o punto de el mesmo, candidato á presidencia da Xunta, recoñecer que Feijóo ten a porta aberta e vai ser Pérez Bouza quen o faga saír co seu escano de deputado e facerlle perder a maioría absoluta. “Só o voto útil a Compromiso por Galicia impedirá a maioría do PP” apuntaron.

Adiantándose á posibilidade de que os resultados non sexan beneficiosos para a súa formación, Bascuas animou no fin da campaña a entender Compromiso por Galicia non como unha treboada dunha noite senón como “chuvia fina que impregnará nesta terra”. Pechan desta maneira a que foi a súa primeira campaña presentándose como un proxecto a longo prazo, que agardan vaia collendo forza e consolidándose conforme vaia gañando tempo.

Xosé Manuel Pérez Bouza, anfitrión do resto dos candidatos no Teatro Principal de Ourense, dirixiuse ao electorado que foi vítima das políticas do PP  para recomendarlles o voto por Compromiso por Galicia como unha alternativa comprometida co emprego e o benestar co obxectivo de traballar pola mellora en sanidade, educación e servizos sociais. A defensa da ética na política foi outra das mensaxes do candidato no peche de campaña. 

Comentarios