Causa GZ defende a necesidade de articular tras o 21-O “un proxecto realmente independentista”

A plataforma independentista Causa Galiza vén de facer pública unha resolución adoptada no seu primeiro Plenario nacional en que se recolle a súa posición perante as eleccións autonómicas do próximo 21-0, para as que non expresan apoio a ningunha candidatura mais tampouco chaman á abstención.
Causa Galiza, no 25 de xullo
photo_camera Causa Galiza, no 25 de xullo



No texto, estruturado en sete puntos, Causa Galiza pon de relevo que o Estado español está a atravesar “unha das crises máis profundas da súa historia” para a que os poderes fácticos planifican unha “saída española” que se basearía nas premisas de “Más España, más miseria, menos libertades y más represión” e na submisión aos ditados da Troika.

En troques, a organización independentista contrapón a necesidade dunha “saída galega” que na súa opinión so é posíbel sobre as bases “do dereito a decidir, a autodeterminación e a independencia” para superar o “antidemocrático marco constitucional e autonómico baixo o que se executa o espolio das clases populares e a liquidación definitiva da nación”. Unha aposta que defenden pasaría por “unha acción institucional que fose alén da xestión” e que tentase superar o actual marco nunha “estratexia global de insubmisión nacional”.

Facendo bandeira do “principio de autoorganización”, que consideran imprescindíbel, cualificaron de “oportunistas” as declaracións de autodeterminismo e soberanismo realizadas durante a campaña electoral, o que pode interpretarse como unha crítica velada cara á coalición entre Anova e EU, da cal Causa Galiza tomou distancia desde o inicio malia participar nun primeiro momento do proceso constituínte de Anova, que abandonou entre fortes críticas a poucas horas da súa asemblea fundacional.

En Causa Galiza valoran, en xeral, que as candidaturas que concorren ao 21-O “non responden ás esixencias” do momento político e social actual. Neste sentido, fan cuestión contra eventuais pactos co PSOE “para xestionar o marco autonómico”. Porén, do mesmo xeito que xa sucedera co comunicado emitido por NÓS-UP, Causa Galiza non fai un chamado expreso a apoiar ningunha candidatura --malia as informacións que apuntaban a un posíbel apoio implícito ao BNG-- mais tampouco chama á abstención.

Por último afirman, alén da inmediatez electoral, a necesidade de articular “un proxecto e unha estratexia realmente independentista” no camiño da plena soberanía e dun cambio de modelo cara ao socialismo.

Comentarios