AGE reclama desaloxar a Feijóo por “non pagar a hipoteca da liberdade e a igualdade”

A coalición de Anova e máis Esquerda Unida fixo o seu último mitin da súa primeira campaña electoral en A Coruña. Xosé Manuel Beiras afirmou que “todo está en xogo” o 21-O.
Mitin de peche de campaña de AGE na Coruña
photo_camera Mitin de peche de campaña de AGE na Coruña



A Coruña foi o lugar escollido pola Alternativa Galega de Esquerda para o seu último acto da campaña electoral na que se estreou a coalición entre Anova e EU. No Palexco, cunha significativa presenza de público, falaron os candidatos Antón Sánchez e Mª Luz Canal canda Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras.

Nun mitin onde non disimularon o optimismo co que encaran os comicios do domingo, Yolanda Díaz, afirmou que “hoxe, coma onte, o éxito sodes todos os homes e mulleres lúcidos deste país”. Díaz asegurou que “chegamos aquí porque estamos nun momento de suspensión de dereitos, onde o poder amosa  a súa verdadeira faciana”.

A candidata referiuse a xente nova da que dixo “é quen máis apoia a nosa coalición electoral” afirmando que “quererían dar unha patada no cú a Rajoy e Feijóo para inaugurar un novo escenario con voz propia”.

“O goberno non pagou a hipoteca da liberdade e igualdade da cidadanía, polo tanto, fóra de San Caetano” sentenciou pola súa banda Xosé Manuel Beiras.O candidato puxo de relevo a grave situación que padece o noso país. “Ademais da gran depresión e da estafa, somos un país sometido á espoliación” dixo.

Logo de asegurar que o 21-O “todo está en xogo”, chamou aos seus simpatizantes a espallar cara ao domingo a mensaxe de que “é a hora da soberanía popular, da reconquista das liberdades cívicas e políticas”.

Comentarios