A campaña que mostrou o PP en estado puro

O Partido Popular enfrontou a convocatoria electoral deste domingo cunha das campañas máis duras. Promesas revisitadas, afastamento de Rajoy, sancións da Xunta Electoral e mesmo motivos para a mofa deixaron patente o nerviosismo dos populares. A seguir debullamos a campaña do PP e as súas principais claves.
Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Ante promesas incumpridas, repetición de promesas. Ese só é un dos retrousos sobre os que pivotou a campaña electoral do PP, na que salientou o distanciamento que o candidato Feijóo procurou respecto Mariano Rajoy, para evitaren que o rexeitamento social contra os recortes ditados desde o Goberno central teña o seu correlato electoral.

O PP puxo en marcha, máis que nunca, a súa enorme maquinaria partidaria cara a este domingo decisivo onde todas as opcións están abertas, mesmo a da súa saída do Goberno galego coa perda da maioría absoluta.

Feijóo tentou esquivar facer balanzo, reiterándose nalgunhas das promesas que xa fixera en 2009

Feijóo tentou esquivar facer balanzo, reiterándose nalgunhas das promesas que xa fixera en 2009 malia ter liderado o Goberno galego durante os últimos tres anos e medio. A respecto da súa xestión de Goberno, o popular insistiu en presentar o “control do déficit” como o seu primeiro logo, facendo uso del como demostración da “solvencia” da nosa comunidade. Porén, os datos do Consello de Contas, avalados por un ex conselleiro de Manuel Fraga, viñan a informar de que o control “exemplar” do déficit non fora exactamente tal. Nun informe asinado por Xosé Antonio Orza, sinálase que Xunta desprazou de xeito irregular 411 millóns de euros para facer cadrar os números en 2010, traspasando facturas por ese importe ao exercicio seguinte. Feijóo defendeuse asegurando que o referido informe era só un borrador, mais o certo é que o mesmo xa está aprobado e unicamente fica á espera de alegacións.

Non sería o único “axuste” contábel que permitiu a Feijóo salvar os límites de déficit fixados por Madrid. En 2009, segundo recolleu o diario El País, volvería haber un traspaso de gasto, neste caso de 80 millóns de euros do Sergas que pasaron de 2009 a 2010. Así o recolleu tamén o Consello de Contas nun informe que non recibiu alegacións do executivo galego.

Diversas fontes apuntan que no exercicio de 2011 a ocultación de números sería aínda maior. Súmase ademais o feito de que a débeda pública galega se teña triplicado durante o mandato que remata, igualando a xerada pola suma de todos os gobernos autonómicos anteriores, e malia os graves recortes realizados en partidas de gasto como a sanitaria ou a educativa. Estes datos refutarían o retrato económico que Núñez Feijóo presentou reiteradamente.

Entre as promesas revisitadas destaca a que se refire ás listas de agarda sanitaria, un dos principais cabalos de batalla da anterior campaña electoral en 2005

As masivas protestas contra dos retallamentos na sanidade pública deixaban pouco espazo para o discurso de Feijóo. Porén, o candidato popular intentou esquivar as críticas contrapoñendo datos dos centros de saúde e hospitais construídos durante a lexislatura, ou en vías de facelo, inda que obviando a fórmula público-privada para o seu financiamento e xestión. Fórmula que foi rexeitada tanto pola oposición como pola cidadanía que protagonizou grandes procesos mobilizadores, como por exemplo en Vigo contra o proxecto de novo Hospital da cidade. Pouca sensibilidade demostrou Feijóo ao negar en directo, durante o debate televisado co candidato do BNG –Francisco Jorquera, a información que se refería ao sufrimento dun paciente do Sergas que leva desde maio agardando por atención ao seu cancro, que finalmente resultou totalmente confirmada.

Entre as promesas revisitadas destaca a que se refire ás listas de agarda sanitaria, un dos principais cabalos de batalla da anterior campaña electoral en 2005, coa proposta dunha lei de prazos de espera que garanta un máximo para de espera. Precisamente, o aumento nos últimos anos dos tempos de espera sanitaria foi unha das críticas verquidas desde a oposición e organizacións sanitarias.

Feijóo xogou tamén coas estatística para tentar presentar como menos malos uns datosde desemprego pésimos

O desemprego estivo no centro da campaña. Certamente a cifra record de persoas desempregadas obrigou a Feijóo a enfrontala directamente asumindo. Así o demostrou nos dous debates nos que participou no que tentou amortigüar o efecto das críticas citando, anticipadamente, a cifra exacta de paradas e parados en Galiza. Feijóo xogou tamén coas estatística para tentar presentar como menos malos uns datos pésimos. Así se extrae da súa teimosía en comparar os datos non coa lexislatura anterior senón coas medias Estatais, por ser esta unha comparativa máis favorábel. Asemade, o Presidente cesante botou man das cifras de paro rexistrado en lugar das da EPA, malia ser este último o indicador de referencia como lle lembrou Francisco Jorquera no debate.

Porén o balanzo obxectivo que arroxan as cifras ofrece ben pouca marxe para disimulos. Desde que goberno Feijóo en Galiza hai 135.000 ocupad@s menos, 115.000 parad@s máis e 90.000 afiliad@s á Seguridade Social.

Tamén en emprego outra das páxinas negativas da acción de Goberno de Feijóo foi a dos numerosos Expedientes de Regulación de Emprego que facilitaron a destrución ou precarización de preto de cinco mil de postos de traballo. Aliás, foi moi criticada a inoperancia do executivo galego para facer fronte á crise que padecen os sectores produtivos galegos, como puxo de relevo a situación de Alcoa ou o sector naval.

Para Alcoa a resposta do PP en campaña foi a visita do ministro de Industria, José Manuel Soria, que se achegou á factoría con promesas inconcretas e sen garantías. Días despois, Feijóo desde un mitin anunciaba que se mantería a tarifa eléctrica reducida, requisito indispensábel para a permanencia da empresa no noso país.

Os contratos de Pemex suscitaron a principal controversia política

A situación do naval foi outro dos puntos fortes da campaña. A foto de Feijóo no acto de sinatura de contratos coa empresa petroleira Pemex, acto reprobado pola Xunta Electoral por vulnerar a LOREX. Os contratos de Pemex suscitaron a principal controversia política. Mentres Feijóo asegurou que os contratos, que se negou reiteradamente a mostrar publicamente, recollen o compromiso seguro de que se fabricarán dous floteis nas gradas dos estaleiros galegos, tanto BNG como PSdeG cargaban contra ese anuncio cualificándoo de propaganda electoral e mesmo chegando a cuestionar a existencia deses contratos. Desconfiados tamén se amosaron os representantes sindicais de Navantia en Ferrol e Barreras en Vigo quen denunciaron descoñecer os termos dos acordos.

A polémica sobre a construción naval galega, sector no que se destruíron preto de dez mil postos de traballo, mesmo acabou poñendo nervioso a Feijóo quen en Ferrol, molesto pola protesta de centos de traballadores, retrucou as consignas que sinalaban a responsabilidade do seu goberno afirmando que “se Navantia quere construír barcos o que ten que facer é mover o cú”.

Castelao Bragaña non foi nin tan sequera expedientado polo Partido Popular

A frustrada reforma da Lei electoral coa que o Partido Popular se propuña reducir a composición do Parlamento galego, antes da convocatoria electoral, apenas estivo presente no decorrer da campaña. O propio Feijóo non puxo demasiado énfase na mesma, malia a incorporar no seu programa electoral a medida coa que tentarían dificultar as posibilidades dunha maioría alternativa ao PP. Outro dos asuntos evitados foi a privatización e bancarización das caixas galegas fusionadas, proceso no que as responsabilidades son partilladas entre PSOE e PP a nivel Estatal. Con todo, a fuxida máis significada, polo balbordo xerado, foi a que ten a ver co exdeputado do PPdeG, Castelao Bragaña, quen malia ter afirmado que “as leis son como as mulleres, están para ser violadas” non foi nin tan sequera expedientado polo Partido Popular no que continúa como afiliado de pleno dereito.

O propósito de esconxurar o que se deu en denominar “efecto Feijoi” foi o leitmotiv da campaña. O PPdeG fixo todo o posíbel para evitar que se relacione ao seu candidato coas políticas de recortes desenvolvidas polo partido desde o Goberno central. Feijóo chegou mesmo a realizar declaracións renegando das políticas de Madrid, durante unha campaña na que foi rechamante o esforzo por disimular até o extremo as siglas e no que o candidato galego e o líder estatal do PP apenas compartiron escenario en dous actos, un ao principio e ao remate de campaña. Polo medio, deuse o paradoxo de que Rajoy viñese en varias ocasións a Galiza a facer campaña por Feijóo, mais sen Feijóo.

Foi unha campaña especialmente dura que no caso do PP estivo marcada polos reiterados incumprimentos, até nove, da normativa electoral

O contrapunto a esa estratexia, que semella limitaron unicamente a Rajoy, foron as participacións en campaña nestas semanas de persoeiros do PP como Alberto Ruíz Gallardón (o ministro antiabortista e da cadea perpetua), Dolores de Cospedal ou Esperanza Aguirre. A subordinación ás directrices de Génova xa quedaran en evidencia cun adianto electoral que se ditou para tentar asegurar a vitoria do PP antes dun eventual segundo rescate.

A que remata foi unha campaña especialmente dura. No caso do PP estivo ademais marcada polos reiterados incumprimentos, até nove, da normativa electoral, o que motivou otras tantas resolucións da Xunta Electoral na súa contra.

Malia a seriedade da cuestión, os populares restáronlle toda importancia. Visitas oficiais ou actos protocolarios do goberno galego cunha intención claramente electoralista foron denunciados polas autoridades por “vulnerar a normativa” da campaña. Candidat@s do PP e á vez conselleir@s foron vistos en visitas a escolas, centros de igualdade, universidades ou fundacións. Aliás, por motivos semellantes a Xunta tivo que retirar informacións da súa páxina web e campañas de publicidade institucionais, logo de seren retirada algunha.

Coalicións ao gusto

Feijóo dedicou moitos dos seus esforzos en demonizar os gobernos de coalición apelando a evitar confluencias de varias forzas políticas, afirmando que esa fórmula xera inseguridade.

Porén, a fórmula dos acordos de coalición tamén ten sido empregada polo propio PP. Os pactos en Nafarroa e Canarias, ou o intento de acordo co Foro por Asturias de Álvarez Cascos e UPyD para gobernar Asturias nun tripartito, son os exemplos máis recentes, sen facer mención a outros numerosos acordos, xa no ámbito local, con forzas “independentes”.

“Veña Galicia!” e pescadas asasinas

Mais na campaña popular tamén houbo tempo para o humor. O líder do PP en Galiza deu anécdota máis divertida ao referirse durante un encontro con representantes do sector pesqueiro a unhas supostas palabras dun mariñeiro segundo as cales “hai tanta pescada que un día van entrar na praia a morderlle á xente”. A frase foi rapidamente recollida nas redes sociais, que coa axilidade que as caracteriza axiña comezaron a chancear sobre o dito ou tamén a compoñer parodias con películas como Piraña ou a famosa Jaws de Spielberg.

Días antes, o PP fixo pública a canción de campaña que lle compuxo o grupo ferrolán Los Limones, cunha letra que se pretendía seria pero acabou sendo paródica e na que se escoitan cousas como “Veña Galicia, celta, Patricia, Galicia Beneficia” ou “Veña Galicia dos cabaleiros, as galegas primeiro”. Pero non é a primeira vez que o PP galego se presta á mofa. Na campaña de 2009, Feijóo tamén foi pasto de humoristas ao preguntar: “Porque todas as vacas teñen nome de muller?”.

Comentarios