“Feijoi” pecha a campaña do Partido Popular

Mariano Rajoy acompaña ao candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, no mitin en Vigo no que o felicita pola súa política de recortes. Feijóo centrou a súa intervención en críticas á oposición.
Feijóo e Mariano Rajoy en Ourense
photo_camera Feijóo e Mariano Rajoy en Ourense

Os populares pecharon a cabalo de Vigo e Ourense, escollendo a Estación Marítima da cidade olívica para acoller o mitin central no que contaron coa asistencia de preto de 1.500 persoas. E fixérono cunha das imaxes que durante todo o proceso electoral evitaron, a de Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy compartindo escenario. Na súa intervención Rajoy felicitou a Feijóo pola súa política de duros recortes afirmando que o candidato á reelección foi “o primeiro en ter o coraxe e a vontade de actuar como había que actuar”.

O Partido Popular insistiu no seu derradeiro acto de campaña en cuestionar a “inestabilidade dun goberno de catro ou cinco partidos”. Feijóo reduciu a dúas as opcións entre as que as galegas e galegos deberemos escoller o próximo domingo. Dunha banda a “dunha oposición dividida e enfrontada” á que achacou o “incremento de gastos superfluos” e ter deixado “buracos económicos” e en fronte a representada polo Partido Popular, presentando o feito de ter gobernado “unido e de maneira coordinada” como un dos seus principais argumentos alén da reiterada atribución de “eficiencia e solvencia”.

Nunha intervención centrada en críticas á oposición Feijóo afirmou que “supón a volta ao inicio da crise”. Entre os logros que atribúe a súa acción de goberno citou o Hospital de Lugo e a construción de Vigo. Asemade insistiu en que Galiza “non precisou nin acudir ao Fondo de pago de provedores nin ao Fondo de liquidez” e chegou a afirmar que o seu executivo “ampliou os servizos públicos”, en contraste cos masivos procesos mobilizadores que denunciaron o contrario ao longo da lexislatura.

Comentarios