A CIG non descarta convocar unha nova Folga Xeral antes do verán de aprobar o PP novos recortes

A central nacionalista entende que a intención do PP de aprobar novos recortes (abaratar despedimento, non revalorizar pensións,...) e medidas contra a maioría social exixen unha resposta contundente a través da mobilización, "sen descartar a convocatoria dunha folga xeral antes do verán”, sinalou Suso Seixo, secretario xeral do sindicato

Folga Xeral
photo_camera Folga Xeral

A CIG realizou esta quinta feira varias concentracións en todas as cidades de Galiza para manifestar rexeitamento ás últimas reformas aprobadas polo goberno de Mariano Rajoy. Medidas “que precarizan as condicións laborais da mocidade; que dificultan as xubilacións anticipadas e que endurecen as condicións para acceder ao subsidio a maiores de 55 anos”. En Compostela, o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, alertou de que o PP prepara unha nova batería de reformas que pretende aprobar no Consello de Ministro do 26 de abril, contra as que “haberá que preparar novas mobilizacións, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral antes do verán”.

Neste sentido, Seixo advertiu que o que se pretende, por exixencia da UE, é abaratar máis o despedimento; rebaixar os salarios; subir os impostos indirectos e non revalorizar as pensións en función da carestía da vida.

“Seguen a insistir nas políticas que non serven para saír da crise”

“Séguese a insistir nas políticas de sempre, que non serven para reactivar a economía e saír da crise. Políticas que pretenden que os custos da crise caian nas clases populares”, denunciou, “mentres a banca e as grandes empresas campan ás súas anchas, fan despedimentos masivos e seguen evadindo impostos a través dos paraísos fiscais”.

Ante este escenaio, o secretario xeal da CIG proclamou que o goberno do PP “non nos representa” e que esta UE, “non nos interesa” e fixo un chamamento a seguir a mobilizarse, e pendentes das medidas que se aproben o día 26 porque se son segundo o previsto “haberá que preparar novas mobilizacións, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral antes do verán”.

Comentarios