A xustiza denega indemnizar as concesionarias das autovías galegas pola baixada de tráfico na pandemia

Nun primeiro momento foi o Goberno español o que deu o primeiro paso a indemnizar estas empresas alegando a caída no número desprazamento causados pola pandemia.
Vehículos fan cola para pagar nunha peaxe. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Vehículos fan cola para pagar nunha peaxe. (Foto: Xunta da Galiza)

As restricións da mobilidade implantadas por mor da pandemia da Covid-19 provocaron que as empresas concesionarias das autoestradas e autovías galegas reclamasen indemnizacións, algo que lles foi denegado por parte da xustiza.

"Reestabelecer as contas"

Entre o que as concesionarias reclamaban estaban indemnizacións e ampliacións das concesións para “reestabelecer” as contas” algo que finalmente, por vía admnistrativa, lles foi negado.

O rexeitamento da xustiza refírese nesta caso ás empresas que explotan as autovías do Barbanza e Ourense-Celanova. Os recursos das concesionarias da autovía Santiago-Brión e as autoestradas Vigo-Baiona (AG-57) e A Coruña-Carballo (AG-55) [as dúas últimas de xestión de Autoestradas da Galiza] están aínda por resolverse.

Goberno estatal

Nun primeiro momento foi o Goberno español o que deu o primeiro paso a indemnizar estas empresas alegando a caída no número desprazamento causados pola pandemia.

“Imposibilidade material e legal” de explotar a vía era o que alegaba a concesionaria da autovía do Barbanza. Con todo, a sentenza ditamina que “non pode o recorrente pretender que a Administración asuma a totalidade das consecuencias económicas da crise sanitaria, tratando de percibir os seus ingresos habituais coma se a crise sanitaria non tivese lugar”.

Caso parecido é o da concesionaria da autovía Ourense-Celanova que, ademais, segundo indica o xulgado, non entregou a tempo nin de modo correcto a alegación.

Comentarios