Fondos de capital estranxeiro posúen 283 quilómetros das estradas de pagamento da Galiza

A Galiza é a autonomía do Estado español con máis quilómetros de estradas de pago. A maiores, rexistra algunhas das portaxes máis elevadas de toda a rede viaria peninsular. Os beneficios xerados por estas autoestradas engrosan os resultados de fondos de investimento estranxeiros.
A Autoestrada do Atlántico, na imaxe, é propiedade do grupo Itínere (Foto: Nós Diario).
photo_camera A Autoestrada do Atlántico, na imaxe, é propiedade do Grupo Itínere. (Foto: Nós Diario)

As peaxes da AP-9 son as que máis se incrementarán en 2023 en todo o Estado español. A este respecto, a empresa concesionaria vai acometer unha suba de perto de 9,3%, derivada da alza dos prezos e da compensación polas obras da ponte de Rande e da circunvalación a Santiago. Neste sentido, viaxar entre Vigo e A Coruña ascenderá a 20 euros, tras encarecerse 1,65 euros polos novos prezos, pasando a custar o traxecto de Ferrol a Tui máis de 25 euros.

A AP-9 vén sendo nos últimos anos unha das vías de pago máis caras do Estado español e onde máis soben as portaxes. No actual exercicio, sitúase como a terceira estrada de pago máis cara do Estado, tras rexistrar importantes incrementos nas anualidades de 2020 e 2021. O viario vén rexistrando encarecementos constantes nas súas peaxes desde a súa posta en funcionamento en 1979. 

A denominada Autoestrada central da Galiza, que une Dozón coa portaxe da AP-9 en Santiago de Compostela, aumentará as súas peaxes arredor de 3,3%. Precisamente, o tramo desta vía entre Silleda e Santiago de Compostela está considerado como o máis caro da Galiza e o segundo máis elevado do Estado, rexistrando no exercicio de 2022 un prezo de 6,15 euros.

AP-9 e AP-53

A AP-9 e a AP-53 representan unha porcentaxe importante da rede de estradas de pago no país. Neste sentido, Galiza é a autonomía do Estado con máis quilómetros de autoestrada desde 2021, ao non verse beneficiada polas políticas do Executivo estatal de recuperar para a rede pública diversas vías de peaxe, destacando nese sentido os rescates das autoestradas radiais de Madrid.

A Galiza conta con 330,8 quilómetros de autoestradas, 273 dos cales son de competencia estatal. A explotación desta rede viaria xera importantes beneficios nas compañías concesionarias, estando en mans do capital estranxeiro 283 quilómetros de estradas de pago, que se corresponden cos tramos máis rendíbeis.

A xoia da coroa das autoestradas galegas é a AP-9. A autoestrada, de 178 quilómetros, aparece como unha das vías de pago máis rendíbeis do Estado, até o punto de que a concesionaria espera uns beneficios de 9.561 millóns de euros até 2048, ano de remate da autorización administrativa de explotación da vía.

A duración da concesión é tamén un caso único no Estado, ao sumar 75 anos como estrada de pago, tras diversas renovacións do tempo de aproveitamento aprobadas durante os gobernos de Felipe González (PSOE) e de José María Aznar (PP).

Os beneficios da AP-9

As galegas e galegos levan pagados 3.828 millóns en peaxes por circular pola AP-9. Segundo as contas presentadas pola compañía concesionaria, desde 1979, ano de apertura ao público do primeiro tramo, a autoestrada achegou aos seus titulares uns beneficios de 930,1 millóns, non presentando resultados negativos en ningún exercicio desde 1993. 

A estrada é considerada pola titular da mesma como un dos principais soportes económicos do grupo, cuxo valor contábel cifra en 1.534 millóns de euros. A AP-9 é propiedade do grupo Itínere. O accionista maioritario desta sociedade é o fondo de pensións holandés APG, cuns activos de 35,6 billóns de euros, que controla a compañía co apoio do grupo de investimentos estadounidense Corsair. 

Ao tempo, posúe 40,4% do capital Globalvia, cuxos titulares son o fondo canadense OPT Trust, o grupo holandés PGGM e a compañía inglesa USS, o principal fondo de pensións das universidades e do conxunto das institucións da educación superior do Reino Unido, cun valor de 40.000 millóns de libras.

Itínere

Itínere é propietaria de 100% da concesión da AP-9, dispón de 18,4% das participacións da sociedade xestora da AP-53 e controla a través de Autoestradas da Galiza a totalidade do capital da AG-55 e da AG-57. A AG- 55 é a vía de pago que une A Coruña con Carballo, sendo a AG-57 a estrada pago de conexión entre Vigo e Baiona. Pola súa parte, Globalvia é propietaria de 61,4% do capital da AP-53.

A AG-56, en mans do fondo Hermes

A AG-56 entre Santiago de Compostela e Brión -cuxo pagamento asume a Xunta cunha "peaxe á sombra"- pertence actualmente ao fondo británico Hermes, a quen vendeu a súa participación no exercicio 2020 o grupo ACS, do que é propietario o empresario Florentino Pérez.

Comentarios