Xustiza convoca os letrados xudiciais a unha reunión na próxima sexta feira

A Administración busca chegar un acordo que remate coa folga indefinida.
A ministra española de Xustiza, Pilar Llop, esta terza feira no Senado (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera A ministra española de Xustiza, Pilar Llop, esta terza feira no Senado (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O Ministerio español de Xustiza convocou ao comité de folga dos Letrados da Administración de Xustiza (LAX) a unha reunión esta sexta feira para abordar o conflito colectivo que manteñen desde hai meses e polo que continúa a folga indefinida que empezou o pasado 24 de xaneiro en busca de melloras salariais que compensen o seu aumento da carga de traballo.

"Convocamos ao comité de folga para a vindeira sexta feira, día 24, para seguir achegando posturas. Temos que baixar o ton e facer un exercicio de prudencia, un exercicio de respecto á outra parte da negociación", dixo esta terza feira o secretario xeral para a Innovación e Calidade do Servizo Público de Xustiza, Manuel Olmedo.

Esta é a segunda reunión que manterán o Ministerio e os LAX despois de case un mes de folga indefinida por parte dos letrados que, segundo os cálculos das asociacións do colectivo, supuxo a suspensión de 152.000 vistas e o bloqueo de 560 millóns de euros.

O encontro fixado terá lugar unha semana despois de que ambas as partes se sentasen á mesa e se levantasen -tras máis de 15 horas- sen acordo e con reproches mutuos entre as partes por manter posturas inamovíbeis.

Tras aquela primeira reunión, o secretario de Estado de Xustiza, Antonio 'Tontxu' Rodríguez, asegurou que os letrados lonxe de sentar cunha actitude aberta elevaron "as súas exixencias respecto ás iniciais e sen propoñer alternativas, ademais usando unha linguaxe bélica incomprensíbel nestes tempos".

Con todo, o portavoz do comité de folga, Juan José Yáñez, á saída da reunión dixo aos medios que a pesar de que a ministra, Pilar Llop, falou de que quería abrir un diálogo honesto, nas horas que pasaron sentados fronte a fronte "nin houbo diálogo, nin houbo honestidade".

Orixe do conflito

A folga chega á súa xornada número 21 a raíz do conflito que ten a súa orixe "na falta de adecuación salarial ás maiores funcións e responsabilidades atribuídas pola Lei 13/2009, descargadas aos xuíces, e incrementadas en sucesivas reformas", en especial a de 2015, o que -denuncian- provocou un "insoportábel desequilibrio".

Os LAX sinalan como "detonante" do conflito o acordo que Xustiza asinou en decembro de 2021 cos sindicatos dos corpos xerais "sen desenvolver debidamente a adecuación salarial ás últimas reformas procesuais".O secretario de Estado de Xustiza dixo en reiteradas ocasións que se trata dunha folga "política" que está fóra de lugar.

Tras a primeira reunión co comité de folga, desacreditou este colectivo afirmando que non se trata de persoal laboral "que quere chegar a fin de mes" senón que son "persoas privilexiadas" que cobran entre 40.000 e 60.000 euros. Olmedo tamén lembrou que tiveron este ano un incremento de salario de 14%.

Comentarios