xoves 24/09/20

A Xunta avisa Alcoa de que debe desistir do ERE e insiste en que incorrerá en fraude de lei se actúa de "mala fe"

Protesta do persoal de Alcoa San Cibrao, Cervo, diante da entrada da factoría.(Nós Diario)
Protesta do persoal de Alcoa San Cibrao, Cervo, diante da entrada da factoría.(Nós Diario)

A Xunta remitiu unha advertencia a Alcoa na que insta a compañía a desistir do despedimento colectivo ante a oferta "sólida" de compra por parte de Liberty House, á vez que insiste en que incorrerá nunha fraude de lei se actúa de "mala fe".

Así figura no último aviso emitido pola xefa territorial en Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández López, de cara a parar o proceso de consultas do ERE, que termina esta terza feira.

Neste sentido, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, insistiu este martes nesta idea en que Alcoa debe sentar a negociar con Liberty House e abandonar a súa "cerrazón" de non atender esa oferta. "Se actúa de mala fe podemos estar ante unha fraude de lei", deixou claro.

Conde remarca que esta é a "quinta advertencia" que se lle remite a Alcoa, polo que chama á retirada do ERE ante a proposta "concreta" que hai sobre a mesa de Alvance Aluminium Group, rama do alumnio de Liberty House Group --que á súa vez forma parte do conglomerado GFG Alliance.

No escrito da Xefatura Territorial de Emprego exponse que as consultas do ERE deben contar co tempo suficiente para analizar a oferta de compra, porque se non "podería interpretarse como unha falsa demostración de ánimo negociador, conducindo á invalidez das consultas".

"Unha eventual renuncia, expresa ou tácita, a estudar de forma efectiva a proposta de compra de GFG Alliance antes de concluír as consultas e de proceder ao despedimento colectivo pode constituír unha actitude dolosa e quebrantadora da boa fe contractual, comprometendo a validez do despedimento", avisa.

Nesta liña, a autoridade laboral fai fincapé en que "a execución dun despedimento colectivo cun fin distinto á superación das causas económicas e produtivas alegadas, como podería ser evitar a presenza dun posible competidor industrial, suporía o uso desta institución en fraude de lei".

comentarios