Últimas horas para presentar a declaración da renda de 2022

Hoxe é o último día para solicitar cita previa para atención telefónica ou en oficinas, e mañá, día 30, remata a campaña.
Varias empregadas nunha oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera Varias empregadas nunha oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

A Campaña da Renda e Patrimonio 2022 finalizará esta sexta feira, 30 de xuño, malia que esta quinta, día 29, será o último día para solicitar cita previa para atención telefónica ou en oficinas, conforme o calendario da Axencia Tributaria. Desta forma, as e os contribuíntes dispoñen xa de só dous días para confeccionar as declaracións da Renda correspondentes ao exercicio pasado antes de que conclúa a Campaña, que arrincou o 11 de abril.

Hai que ter en conta que nos casos de declaracións con resultado a ingresar con domiciliación en conta, a campaña xa concluíu a pasada terza feira, 27 de xuño. Está previsto que se presenten nesta campaña do IRPF un total de 22.899.000 declaracións, isto é, 3,4% máis que o ano anterior.

Dese total, prevese que dean dereito a devolución arredor de 60% delas —13.600.000, 2% menos— por un importe estimado de 9.946 millóns de euros. En total, a Axencia Tributaria prevé ingresar 16.448 millóns de euros, 5,6% máis a respecto do exercicio anterior, mentres que o importe para devolver caerá 2,4%, até os 9.946 millóns.

Plan 'Chamámolo'

Alén da presentación por internet a través da páxina da axencia e da aplicación móbil, os contribuíntes menos habituados ás novas tecnoloxías que requiran de asistencia personalizada teñen tamén este ano á súa disposición desde principios de maio o plan 'Chamámolo', unha alternativa á asistencia presencial en oficinas.

Este Plan arrincou o pasado 5 de maio, con servizo até o final da campaña, de maneira que os contribuíntes menos habituados ás novas tecnoloxías que requiran asistencia personalizada volverán contar cunha potente alternativa á asistencia presencial en oficinas, podendo acelerar a presentación e, con iso, a eventual devolución que corresponda.

Unha vez que o contribuínte pide cita —recoméndase a solicitude por internet ou mediante servizo automático no teléfono 915 35 73 26, ou ben no 901 12 12 24— e elixe horario de mañá ou de tarde, o sistema proponlle un día e unha hora na que recibirá a chamada da Axencia Tributaria. "En favor da propia axilidade do servizo, resulta moi conveniente que o contribuínte teña dispoñíbel a información e documentación necesaria para realizar a declaración cando lle chame a Axencia", aconsellan desde o organismo.

Quen non ten que declarar?

En termos xerais, non están obrigados a declarar os contribuíntes con rendas exclusivamente procedentes do traballo até un importe de 22.000 euros anuais. Con todo, este límite redúcese se os rendementos proceden de máis dun pagador —salvo determinadas excepcións—, ou tamén cando o pagador non está obrigado a reter e cando os rendementos están suxeitos a un tipo fixo de retención. En tales casos, o límite é de 14.000 euros anuais.

Igual que o ano anterior, tampouco estarán obrigados os contribuíntes que conten con rendementos do traballo, capital e actividades económicas, así como ganancias patrimoniais —subvencións, premios e outras—, co límite conxunto de 1.000 euros, xunto con perdas patrimoniais inferiores a 500 euros.

Por outra parte, lémbrase que os beneficiarios do ingreso mínimo vital deben presentar a declaración, de acordo coa normativa que estabelece o IMV.

Comentarios