A UE reprocha ao Estado español non ter respondido ao veto á pesca con informes

O comisario de pesca, Virginijus Sinkevičius, segue sen comparecer para explicar a decisión.
A comisaria de Igualdade, Helena Dalli, García Casares (PSdeG), Millán Mon (PP) e Ana Miranda (BNG), esta quinta feira na Eurocámara (Fotos: Parlamento Europeo).
photo_camera A comisaria de Igualdade, Helena Dalli, García Casares (PSdeG), Millán Mon (PP) e Ana Miranda (BNG), esta quinta feira na Eurocámara (Fotos: Parlamento Europeo).

A Comisión Europea insistiu esta quinta feira na Eurocámara en que agardou durante anos sen éxito pola presentación de informes científicos e socioeconómicos por parte do Estado español antes de aprobar o acto de execución que veta a pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico entre Irlanda e o golfo de Cádiz. 

Así o defendeu a comisaria de Igualdade, Helena Dalli, quen afirmou que "os informes científicos de 2017 son fiábeis" e que o Estado español "tardou moito en achegar novos datos". 

Porén, recoñeceu que se recibiron informes variados de impacto socieconómico, aínda que aduciu que non supuñan "unha información detallada e precisa". "As únicas cifras dese impacto vímolas na prensa e estivemos dous anos con reunións e intercambio de opinións co sector", engadiu.

Europarlamentares da Galiza rexeitan o veto 

O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, referiuse ao sector pesqueiro da Galiza como “o máis potente da UE” e pediu “respecto pola pesca e pola xente do mar que se está vendo agredida polas decisións da Comisión Europea” adoptadas “sen verdadeiro peso científico”. 

Casares sinalou “o dano socioeconómico” que implica a aplicación do regulamento e criticou que se lle achaque aos Estados a responsabilidade de paliar estes prexuízos coas axudas do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa). “Os pescadores non queren subvencións nin indemnizacións, o que queren é saír a pescar”, subliñou.

Pola súa parte, o deputado do PP na Eurocámara Francisco Millán Mon denunciou tamén o "uso indiscriminado" de datos científicos, a "ausencia dunha avaliación de impacto socioeconómico", a "falta de consultas suficientes" ou á "negativa, totalmente inxustificada, a distinguir entre o arrastre e o palangre".

"No fondo, a Comisión traballou con brocha gorda no canto de con pincel fino", aseverou Millán Mon, que lembrou ademais que o Parlamento Europeo xa censurou hai dúas semanas o proceder da Comisión Europea. 

O eurodeputado tamén mostrou a súa preocupación tras coñecerse os primeiros datos sobre o impacto deste veto, xa que "na Galiza as capturas das especies afectadas caeron até 60% e a facturación diminuíu notabelmente".

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu a suspensión urxente do veto. “A afectación desta medida, máis de 1.000 barcos, 4.000 tripulantes e a repercusión nas lonxas coa perda de potencial de ventas, é un desastre”, denunciou a nacionalista.

Miranda subliñou que desde o BNG e o propio sector se considera que esta decisión é “desproporcionada e inxusta”, en tanto que con este veto á pesca galega, “centos de tripulantes perderán o seu traballo e parte dos seus salarios, non só nas artes incluídas na pesca de fondo como a frota de palangre do Gran Sol ou a de arrastre do Cantábrico Noroeste, senón tamén a de artes menores da pesca artesanal, con 2.100 afectados neste segmento de frota”.

En alusión ao comisario de Pesca Virginijus Sinkevičius, a representante do BNG afirmou que “é unha vergonza" que aínda non rendera contas na Comisión de Pesca. Miranda lembrou que o día de publicación da execución do regulamento, o 15 de setembro, solicitoulle unha reunión urxente, que aínda non se produciu.

Precisamente, o sector pesqueiro europeo expresou a súa frustración tras reunirse esta quinta feira con Sinkevičius. "Os problemas seguen encima da mesa", valorou o sector tras a xuntanza, na que o comisario dixo ter intención de "estudar os erros que se puideron cometer agora para non volver repetilos e mellorar o proceso lexislativo".

As confrarías afirman que a situación non se arranxa con axudas

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación convocou esta quinta feira novas axudas para o sector pesqueiro por valor de 49,5 millóns de euros para compensar os custos adicionais como consecuencia da crise enerxética.

Porén, o presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, afirmou a Nós Diario que "é imposíbel por moitos cartos que nos dean" que se palien "tantos postos de traballo directos e indirectos e tantas perdas", como supón o veto da UE á pesca de fondo ou os altos custos do combustíbel. 

Comentarios