A UE desaconsella a caza de xabarís contra a peste porcina que a Xunta defende
A documentación sobre a peste porcina coa que traballa a Unión Europea (UE) desaconsella comezar a caza incontrolada dos animais salvaxes concentrados no perímetro da peste porcina (PPA) antes de que se apliquen accións para evitar o desprazamento dos animais e propaguen o virus. Pola contra, recomendan adaptar as medidas de control a cada zona, como por exemplo colocar barreiras nas granxas e desinfectar o acceso.
A proposta da UE contrasta coa que trasladou días atrás a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nunha reunión con representantes de Unións Agrarias, do Sindicato Labrego Galego e da Asociación Agraria de Galicia. Daquela, Vázquez defendeu a caza como "principal instrumento de xestión para controlar as poboacións de xabaril e hipotéticos casos de transmisión da enfermidade a través deles", e salientou que "a Xunta adoptou medidas como a autorización da súa captura durante case todo o ano”. A este respecto, a Asociación para Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) xa dixo que a iniciativa, "ademais de infrutuosa para controlar o andazo, podería propiciar outro escenario peor na bioseguridade".
Sen protocolos claros
Relacionado coas medidas actuais, a CIG presentou esta sexta feira un escrito á presidenta do comité de seguridade e saúde laboral no que denuncia que a Consellaría "carece de protocolos claros, formación actualizada e medidas de bioseguridade para a manipulación, traslado e almacenamento de fauna salvaxe morta", pese ao "risco real" de transmisión de enfermidades como a peste porcina africana.
Segundo indican, ao persoal "indícaselles só que deben envolver, precintar e trasladar os cadáveres aos CRF, onde quedan almacenados en conxeladores", mais apuntan que o virus "sobrevive semanas ou meses na roupa ou nas ferramentas".
Reunión no Ministerio
Atendendo á situación, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, mantivo esta sexta feira unha reunión de coordinación con representantes da Asociación Agraria de Novos Agricultores, Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros, a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros, Unión de Unións e Cooperativas Agro-alimentarias estatais para avaliar a evolución da peste porcina.
Antes da xuntanza, o Ministerio anunciou a creación dun comité científico para o asesoramento do surto de peste porcina. O grupo constituíuse unha semana despois da aparición dos primeiros positivos en xabarís e que, de momento, afecta 13 animais silvestres.
O mesmo contará cunha representación da comunidade científica no ámbito veterinario e gandeiro, coa posibilidade de convidar outros expertos en materias concretas e tamén representantes do sector.
"Hai consenso en que se está facendo todo o que se pode", asegurou esta sexta feira a Nós Diario José Ramón González (Unións Agrarias) ao remate da xuntanza. Entre os compromisos de Planas estivo, segundo sinalou González, "coordinar e pór os medios necesarios para o control da superpoboación de xabarís xunto coas comunidades autónomas". Neste sentido, agarda que "non todo teña que quedar en mans dos cazadores como está acontecendo agora".
Prezos á baixa
A maior preocupación para o sector segue a ser a baixada de prezos. "Pedímoslle que poñan en marcha un observatorio de prezos e que vixíen agora a cadea de valor, vemos que baixa aos gandeiros e non da mesma maneira ao consumidor", afirma José Ramón González.
Neste sentido, segundo explica a Nós Diario o presidente da Federación Galega de Porcino (FGP), Pablo Meijomín, o prezo "baixou dunha maneira brutal, en catro días reduciuse 25 euros por porco". Todo isto cando antes do surto estaban "perto dos prezos de produción". Por este motivo alerta de que se nas seguintes semanas continúa esta tendencia será unha catástrofe".En relación á baixada dos pedidos estes días como consecuencia da situación, á FGP chegou a información de que "hai unha industria galega que vende a Xapón e ten canceladas as exportacións". As que venden a través de terceiros -tamén cara a países como Xapón, Corea do Sur e México neste caso pasando por matadoiros de Portugal-, Meijomín indica que notaron atrasos nos camións. Con todo, recoñece que ao sector "por agora o que máis lle impacta negativamente son os prezos".
Diante desta situación, FGP demanda á Xunta da Galiza que "elabore xa un plan rápido e que xestione ben o control da poboación de xabaril" na Galiza. "Levamos moito tempo pedindo que se poñan puntos comarcais habilitados para entregar os xabarís e outros animais silvestres que aparezan mortos e abandonados no monte ou nas estradas", sinala a Nós Diario. "Sabemos que máis da metade dos xabarís que se matan queda no monte, primeiro pola cantidade que cazan e despois polo precinto que obriga a Xunta a colocarlles que tamén ten un custo", conclúe.
O Ministerio investiga se o virus saíu dun laboratorio
O Ministerio de Agricultura anunciou esta sexta feira a través dun comunicado que abriu unha nova investigación sobre o surto de peste porcina detectado na contorna de Collserola, en Barcelona (Catalunya) hai unha semana, sen descartar que a súa orixe poida estar nun laboratorio.
"Todos os virus circulantes na actualidade nos Estados membros pertencen aos grupos xenéticos 2-28 e non ao novo grupo xenético 29 ao que pertence o virus causante do foco na provincia de Barcelona, moi similar ao grupo xenético 1 que circulou en Xeorxia en 2007", aseguran.
Así, do informe dedúcese que cabe a posibilidade de que a orixe do virus non estea en animais ou produtos de orixe animal provenientes dalgún dos países nos que actualmente está presente a infección.
Investigación na UAB
A cepa do virus Xeorxia 2007 é un virus de 'referencia' que se utiliza con frecuencia en infeccións experimentais en instalacións de confinamento para realizar estudos do virus ou para avaliar a eficacia das vacinas, que están en fase de desenvolvemento. Por este motivo agora se está investigando tamén se o foco puido saír das inmediacións da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB).



