Trucos urxentes para rebaixar a factura fiscal

Os últimos días do ano son os escollidos por moitas persoas para cadrar as contas domésticas. É tamén o momento no que se fecha o ano fiscal. Para non levar sorpresas, as expertas recomendan planificar con tempo, pero para as máis preguiceiras aínda hai maneiras de que as contas co fisco non supoñan un desgusto. 
photo_camera Oficina da Axencia Tributaria. (Arquivo)

Quedan moi poucos días para que remate o ano e as que non traballaron na súa factura fiscal ao longo do exercicio xa non teñen moita marxe de manobra. De feito, as máis preguiceiras deberán dispor de grandes sumas de cartos para poder rebaixar de forma significativa o que teñan que pagar no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) correspondente a 2019.

A medida máis habitual pasa por achegar cartos a un plan de pensións. Pódense deducir un máximo de 8.000 euros anuais que se descontan da base de tributación das rendas do traballo. Resulta especialmente útil nos casos nos que permite baixar un chanzo na escala impositiva. Os primeiros 12.450 euros tributan a un tipo de 19%. Os 7.750 euros seguintes, a 24%; se sumamos 15.000 máis, a 30%; con 24.900 euros máis, 37%, e 45% se superan os 60.000 euros de rendas. Así, unha persoa que cobre menos de 20.000 euros e achegue 8.000 a un plan de pensións, pasará a tributar de 24% a 19% polos seus ingresos. A vantaxe pode ser maior se se fan achegas ao plan do cónxuxe ou un familiar con discapacidade, nestes casos cun máximo de 2.500 euros. Por outra banda, as persoas que teñan unha hipoteca anterior a 2013 poderán aplicar na Renda unha dedución de 15% do pagado en 2018, cun máximo de 9.040 euros. No caso dun matrimonio que faga a declaración por separado, o pago da hipoteca suxeito a redución duplicaríase. 

Compensar perdas

Outro dos ‘trucos’ para reducir a factura fiscal pasa por empregar perdas para reducir as plusvalías suxeitas a gravame. As minusvalías na venda de accións ou de bens de calquera outra natureza contribúen a rebaixar o pago de impostos nos tres exercicios seguintes. Neste caso tamén hai límites. As perdas só rebaixarán até 25% das ganancias do aforro. O resto do saldo negativo poderá compensarse até 2022, salvo que no prazo dun ano (ou dous meses no caso dos valores) se adquira de novo o activo. No caso de ter accións con beneficios que queiramos vender, compensa agardar a xaneiro para planificar o resto do ano o xeito de compensar a ganancia. 

E non hai que esquecer os donativos, que teñen vantaxes económicas á parte das sociais. As ONG están especialmente activas nestas datas, dunha parte polos festexos de Nadal, pero tamén porque as contribucións a estas entidades teñen ‘premio’ na Renda. Así, os primeiros 150 doados permiten unha dedución de 75%, e 30% para as contías que superen ese importe, porcentaxe que sobe até 35% se a contribuínte fixo unha achega igual ou superior á dos anos anteriores a unha mesma ONG.

No caso das persoas traballadoras, tamén están as retribucións en especie para descontar das rendas do traballo. Poden incluírse nestes conceptos, unha vez pactados coa empresa, aspectos como o gasto en transporte, en comida, en gardaría ou no seguro médico, este último mesmo podería ser extensíbel a fillos e cónxuxe.

Investimentos no MAB

Galiza é, xunto con Madrid e Aragón, o único territorio que prima fiscalmente os investimentos en accións de compañías locais que cotizan no segmento de Empresas en Expansión do Mercado Alternativo Bursátil (MAB). A dedución contemplada na asignación do IRPF é de 15% das cotas investidas en accións. Como único requisito, a Xunta estabelece a obriga de manter o investimento un mínimo de tres anos. O bo é que non hai límites para entrar, xa que en 2011 suprimiuse o requisito de controlar cando menos 1% do capital, de maneira que calquera pequena investidora pode beneficiarse desta medida. Iso si, en ningún caso permitirase superar 10% do capital. 

Outras deducións na Galiza para os investimentos afectan á compra de accións ou participacións sociais en empresas de nova e recente creación e o seu financiamento, nas que a persoa investidora pode deducirse 20% da cantidade investida na operación ou en préstamos e garantías cun límite de 20.000 euros. 

Pendentes do Goberno

O novo Goberno do Estado español pode traer consigo novidades en materia impositiva no exercicio 2020, de aí que moitas investidoras apostasen en mover os seus cartos este ano ante a posíbel subida de porcentaxes na tributación do aforro. 

Se Pedro Sánchez fose finalmente investido presidente, o máis probábel é que retome medidas contempladas nos fracasados Orzamentos de 2019 que propiciaron os últimos comicios, como o aumento do gravame do aforro de 23% a 27% para plusvalías de máis de 140.000 euros. Ese incremento podería facerse extensivo ao resto dos treitos. O seu posíbel aliado, Podemos, tamén suxeriu eliminar as desgravacións polas achegas a plans de pensións, o que provoca certa incerteza entre as investidoras.

Con todo, tanto se estas subas se producen coma se non, e para evitar sorpresas desagradábeis o próximo ano, as persoas expertas recomendan traballar con antelación nestes conceptos e contar para iso coa axuda dunha asesora fiscal.

Comentarios