Unha trintena de gandarías reciben axudas para feches e equipamentos para o pastoreo do programa 'O que non arde' da Vicepresidencia da Deputación de Lugo
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou a resolución da convocatoria de subvencións á gandaría extensiva do programa 'O que non arde' da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
En total, unha trintena de granxas de cabrún, ovino e porcino resultaron beneficiarias destas axudas, destinados a financiar a instalación e mantemento de feches perimetrais e outros elementos que faciliten a alimentación e o manexo do gando en extensivo, así como tamén para comedeiros, bebedeiros, parideiras ou refuxios.
O deputado de Rural, Daniel García, lembrou que "nesta quinta edición dobramos o investimento no programa, aumentando tamén o importe das axudas, até un máximo de 6.000 euros, para apoiar a actividade das gandarías extensivas e facilitar investimentos para o manexo e a protección do gando".
O deputado provincial tamén valorou “o traballo realizado ao longo destes cinco anos para consolidar o programa e implicar as comunidades de montes, as asociacións gandeiras e os propios gandeiros e gandeiras no fomento do silvopastoreo e da gandaría extensiva, que actúa como barreira contra os lumes forestais e contribúe ao equilibrio territorial e á fixación de poboación no rural”.
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo destinou 120.000 euros á quinta edición deste programa, recoñecido como o mellor proxecto de apoio a gandaría extensiva desenvolvido por unha Deputación a nivel estatal, pola ONG internacional WWF Adena. Desde a súa posta en marcha, nas sucesivas convocatorias, a área provincial destinou ao programa un total de 360.000.

