Vivenda

As sinaturas de hipotecas sobre vivendas na Galiza baixaron 22% en 2023, o segundo maior descenso no Estado

Os datos de sinatura de hipotecas sobre vivenda referendan a dificultade que a poboación galega está sufrindo para poder acceder á vivenda debido ao endurecemento do acceso ao crédito. Porén, a caída menor da compravenda de vivendas certifica que as rendas máis altas si teñen a posibilidade de acceder á compra.
Bloques de vivendas no barrio compostelán de Vite. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Bloques de vivendas no barrio compostelán de Vite (Foto: Xunta da Galiza).

A Galiza rexistrou un total de 12.336 hipotecas sobre vivendas en 2023, o que supón un afundimento de 21,9% en comparación con 2022, segundo os datos difundidos esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE)

Esta caída foi a segunda maior entre as autonomías do Estado nun ano de descensos xeneralizados, só superada pola da Rioxa (-36,1%) e catro puntos porcentuais máis acentuada que a da media do Estado (-17,8%). 

Así mesmo, as hipotecas sobre vivendas na Galiza romperon coa tendencia alcista iniciada en 2019. O dato de 2023 foi o menor desde 2020, nun ano marcado polas subas dos tipos de xuro para controlar a inflación. 

O capital prestado no país foi duns 1.415 millóns de euros ao longo de 2023, o que se traduciu nun recorte de 23% respecto ao ano anterior, superior ao experimentado a nivel estatal (-19,4%).

Pola súa parte, a compravenda de vivendas anotouse na Galiza durante 2023 un retroceso de 12,4%, até un total de 19.149 operacións, tras dous anos á alza. Este descenso foi superior ao da media estatal (-9,7%). Ademais, a caída da Galiza foi a sexta maior entre autonomías.

Inflación da zona euro

Os datos de sinatura de hipotecas sobre vivenda referendan a dificultade que a poboación galega está sufrindo para poder acceder á vivenda debido ao endurecemento do acceso ao crédito. Porén, a caída menor da compravenda de vivendas certifica que as rendas máis altas si teñen a posibilidade de acceder á compra. Neste sentido, a evolución do tipos de xuro impostos marcados polo Banco Central Europeo (BCE) será clave na recuperación do sector inmobiliario e na mellora da posibilidade de obter financiamento por parte das clases populares.

As decisións do BCE estarán supeditadas a que a alza dos prezos na zona euro se achegue ao obxectivo de 2%. Neste contexto, a taxa de inflación da zona euro situouse en xaneiro en 2,8% interanual, unha décima porcentual por baixo da suba de 2,9% dos custos ao fechamento de 2023, segundo confirmou esta quinta feira Eurostat, mentres que na Unión Europea (UE) o aumento de prezos desacelerouse até 3,1% desde o incremento interanual de 3,4% do mes anterior.

Combustíbeis

O custo dos combustíbeis aumentou 2% esta semana, encadeando a súa quinta suba consecutiva. En concreto, o prezo medio do litro de gasolina encareceu 1,65%, até os 1,598 euros por litro de media, mentres que o diésel alcanzou os 1,558 euros por litro, cunha alza de 2,03% respecto á semana anterior.

Comentarios