Vivenda

Encarecerá a miña hipoteca na próxima revisión? Esta foi a evolución do Euribor en marzo

A evolución do IPC abre a porta a baixadas de tipos.
A presidenta do Banco Central Europeo, Chistine Lagarde (Foto: Boris Roessler / DPA vía Europa Press).
photo_camera A presidenta do Banco Central Europeo, Chistine Lagarde. (Foto: Boris Roessler / DPA vía Europa Press).

O Euribor a 12 meses, o principal indicador usado para revalorizar as hipotecas variábeis na Galiza, situouse en marzo en 3,718%, lixeiramente por riba da taxa de 3,671% rexistrada no mes de febreiro, segundo confirmou esta terza feira o Banco de España.

Desta forma, o índice avanzou en 0,047 puntos porcentuais en comparación co mes anterior e situouse en valores máximos dos últimos catro meses, á espera dos próximos pasos que o Banco Central Europeo (BCE) dea na súa política monetaria.

O dato de marzo implica que para unha hipoteca modelo a tipo variábel -nun cálculo que asume un capital pendente de pagamento de 150.000 euros e un prazo residual de 30 anos, cun diferencial do 0,99% máis Euribor-, o encarecemento da cota sería de seis euros ao mes.

Inflación en Alemaña

As decisións que tome o BCE a respecto da evolución da política monetaria serán cruciais para a evolución do Euribor e, en consecuencia, das cotas hipotecarias. A institución liga as posíbeis baixadas dos tipos de xuro ao feito de que a inflación na zona euro se achegue ao obxectivo de 2% de forma estábel.

Neste sentido, segundo os datos provisionais que publicou esta terza feira a Oficina Federal de Estatística (Destatis), o índice de prezos de consumo (IPC) rexistrou un aumento de 2,2% no mes de marzo en Alemaña, na que supón a menor suba desde maio de 2021 na principal economía da área monetaria, o que implica unha boa sinal de cara a eventuais minguas do valor do diñeiro nas futuras reunións da Consello de Goberno do BCE. 

Un feito que se suma a unhas expectativas de inflación por parte da cidadanía da zona euro que caeron ao seu nivel máis baixo desde febreiro de 2022, segundo constatou o BCE na súa última enquisa a este respecto.

Desta maneira, con datos de febreiro de 2024, a cidadanía da zona euro espera que a inflación se situará dentro dun ano en 3,1%, fronte á anterior expectativa de 3,3%, mentres que as previsións a tres anos ficaron sen cambios en 2,5%.

Comentarios