O Miteco dá luz verde aos parques eólicos Boura, Monzón e Ventisca, de Greenalia

Os aeroxeradores situaríanse fóra das áreas delimitadas no Plan Sectorial Eólico da Galiza de 1997, algo que a Xunta posibilitou perante unha reforma lexislativa en 2021.
Plano dos parques eólicos Boura, Monzón e Ventisca.
photo_camera Plano dos parques eólicos Boura, Monzón e Ventisca. En amarelo, a zona 'de transición' da Reserva da Biosfera das Terras do Miño; en rosa, a zona 'tampón'.

Boura, Monzón e Ventisca. O Ministerio para a Transición Ecolóxica, perante unha resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental publicada esta quinta feira no BOE, deu o visto bo a estes tres parques eólicos impulsados pola compañía coruñesa Greenalia que situarán 32 novos aeroxeradores nas comarcas da Mariña, A Terra Chá e Meira e sumarán á rede enerxética galega unha potencia de produción total de 212,8 megawatts (MW).

Os tres proxectos, tramitados a través do Goberno estatal por superaren individualmente o limiar de 50 MW de potencia, contaron inicialmente con informes desfavorábeis da Xunta da Galiza por estaren situados fóra das áreas delimitadas no Plan Sectorial Eólico da Galiza de 1997, pois a Lei que regula o aproveitamento eólico no país, de 2009, estabelecía inicialmente que "non poderán autorizarse parques eólicos" alén destes espazos agás nos casos de repotenciamento de parques xa operativos. Porén, unha reforma lexislativa do propio Goberno galego abriu a porta en 2021 a aprobar tamén "aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estructurante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta", como foi o caso.

A declaración de impacto ambiental, con todo, está suxeita ao cumprimento de até 75 disposicións destinadas a minimizar a afección de Boura, Monzón e Ventisca sobre o medio natural, o patrimonio cultural e a realidade socioeconómica dos municipios afectados —Baleira, Pol, Ribeira de Piquín, Meira, A Pastoriza, Abadín, Mondoñedo, Lourenzá e Foz—. O parque Boura estaría conformado por dez aeroxeradores que sumarían unha potencia instalada de 72,8 MW; Monzón, nove muíños e 50,4 MW, e Ventisca, trece e 89,6 MW.

Malia non incluírse dentro dos espazos que abrangue a Rede Natura 2000, a práctica totalidade da zona seleccionada para a implantación dos tres parques eólicos afectaría a Reserva da Biosfera das Terras do Miño, quedando tamén xusto nos límites das reservas do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Boa parte das turbinas eólicas situaríanse dentro das zonas denominadas 'tampón' da reserva das Terras do Miño, un espazo no que só se poden realizar "actividades compatíbeis" coa conservación da natureza.

A liña de evacuación quedaría fóra das zonas 'núcleo', mais atraversarían un pequeno treito do Camiño de Santiago, polo que nese emprazamento, á altura de Mondoñedo e moi perto da zona de especial conservación (ZEC) da Serra do Xistral —que fai parte da Rede Natura—, o tendido eléctrico será subterráneo.

'Non' a Siroco e Tramontana

O pasado mes de novembro o Miteco botou por terra outros dous proxectos eólicos de Greenalia, Siroco e Tramontana, rexeitando as súas respectivas solicitudes de autorización administrativa previa e declaracións de utilidade pública. O Ministerio xustificou a súa negativa na "falta de cumprimento" da promotora.

Comentarios