O transporte galego supoñía 4,1% do PIB no ano 2023
51.240 persoas estaban empregadas no sector segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) nun informe titulado Análise do sector do transporte e da loxística publicado esta cuarta feira.
O sector do transporte e da loxística, formado por catro ramas de actividade (terrestre, aéreo e marítimo, actividades anexas e actividades postais e de correos), contaba con máis de 12.000 empresas en 2023 na Galiza, polo que representou ese ano 4,1% do produto interior bruto (PIB) do país.
Ten, desta maneira, unha achega superior a sectores como o da pesca (1,5%), o da fabricación de vehículos e compoñentes (2,2%), ou o da cadea forestal-madeira (1,6%), segundo destaca o Instituto Galego de Estatística (IGE) nun informe titulado Análise do sector do transporte e da loxística publicado esta cuarta feira.
A nivel de emprego, ese ano deu traballo a un total de 51.240 persoas de forma directa. Nos principais apartados, 60 % pertencían ao Transporte terrestre (30.526) e 27 % ao Almacenamento e actividades anexas ao transporte (13.933).
Ademais, o Transporte ten, explica o documento, unha produtividade do factor traballo inferior á media da economía, unha participación das rendas salariais na creación de valor engadido superior e precisa de máis bens e servizos para producir que a media da economía galega nesa altura.
Medra a loxística
Dentro do sector, destaca o crecemento das actividades anexas –loxística– sobre o resto de ramas que o conforman. En 2023, 46% do valor engadido xerado nel sector corresponde a este tipo de actividades, cando en 200 era de 29%.
Ademais, dous dos ramos que forman o sector caracterízanse como 'sectores chave': o transporte terrestre e as actividades anexas ao transporte. En cambos os casos, destacan por ser tanto grandes oferentes como grandes demandantes dentro da estrutura produtiva galega.
Entre os anos 2000 e 2023, o crecemento no sector foi similar ao do total da economía, mais inferior ás actividades do sector servizos, que incrementaron o seu peso no total.
En termos comparativos coas economías da contorna, a contribución do sector é similar á economía estatal (3,9%) e da Unión Europea (4,3%). A nivel territorial, dentro da Galiza, o informe indica que o sector ten presenza en todas as comarcas galegas, aínda que o peso nas economías comarcais oscila entre 1,6% na comarca de Ortegal e 5,8% na de Verín.

