Masiva protesta contra o desmantelamento industrial da Mariña

Os traballadores de Alcoa toman as rúas de Xove en defensa do emprego

O persoal da factoría de Alcoa e miles de veciños da Mariña participaron na noite do sábado nunha marcha nocturna en Xove en defensa da continuidade da actividade industrial no complexo alumineiro.
WhatsApp Image 2021-11-06 at 9.13.41 PM
photo_camera Persoal de Alcoa no remate da marcha en Xove. Foto: Francisco Fanego

Xove é canda Cervo o outro concello da Mariña onde esta instalada a factoría de Alcoa. A dependencia da actividade da empresa non só se cifra na achega do complexo á economía da localidade senón na súa repercusión en termos de emprego. Neste sentido, non é de estrañar que a resposta da poboación volvese a ser masiva.

A marcha arrancou ás 20:00 horas desde as inmediacións do campo de fútbol de Lago e após percorrer a avenida da Deputación e a rúa Tomás Mariño Pardo conclúeo na praza do concello. Os obreiros marchando coas súas luces nos cascos e a localidade sen iluminación impactou aos asistentes.

O comité de empresa de Alcoa tiña solicitado nos días previos por boca do seu presidente, José Antonio Zan que “esta marcha pedímoslle aos veciños de Xove que apaguen as luces, e os da rúa principal e a rúa que dá ao Concello que prendan cirios nas xanelas para que se visualice que está todo ás escuras e se vexan as luces dos traballadores cando cheguen”.

A mobilización de hoxe celebrouse despois da decisión do Tribunal Supremo e cos traballadores impedindo desde fai semanas a saída da produción da factoría. O persoal, que mantén unha folga indefinida no complexo industrial, afirma non novas do Executivo do Estado nin da multinacional desde o fallo xudicial e asegura que teñen retidas arredor de 30.000 toneladas de aluminio.

Intervención pública

A representación social aposta por unha saída de Alcoa da Mariña e pola intervención pública para un posterior venda a algúns dos grupos interesados. Nos últimos seguíronse coñecéndose ofertas e desde o comité sinalaron a Nós Diario que “catro das propostas son serias e formuladas por compañías de absoluta solvencia”.

“Son empresas que estarían encantadas se o Goberno participara cunha porcentaxe no capital, empresas que tamén queren que se lles garanta un marco enerxético e unha continuidade de futuro”, sinalou José Antonio Zan, moi crítico coa actitude do Executivo do Estado.

“Pola nosa banda estamos cansados de moi boas palabras e ningún  feito. Non temos un papel escrito por parte do Ministerio nestes nove meses, nin nada asinado”, censura Zan , quen considera que “se ve que o Ministerio de Industria non ve ben ter industria neste país e a SEPI non fai a operación porque non quere facer ese traballo”.

Comentarios