O comité de Alcoa sobre o Goberno español: “Non fan nada para buscar unha solución”

Acusa o Executivo estatal de "deixar en mans" do Supremo a resolución e non "dicir nada".
José Antonio Zan, Alcoa  Marta Vázquez Rodríguez  Europa Press
photo_camera Integrantes do Comité (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, cargou de novo esta segunda feira contra o Goberno español, do que suxire certa conivencia coa multinacional americana do aluminio. Así, censurou que o Executivo estatal fíe a resolución ao que ditamine a Xustiza e "sigan sen se poñer en contacto" cos traballadores.

"Seguen sen dicirnos nada, teñen paralizada toda a negociación, realmente parece que estean de acordo con Alcoa, en como fan as cousas", criticou.

Zan acusou o Goberno que preside Pedro Sánchez de que "non pon nada da súa parte para buscar unha saída á situación". "E isto estanos levando a que a Mariña teña que mobilizarse día si, e día tamén, para loitar polo seu futuro", salientou.

As multinacionais son unhas auténticas harpías, uns chupóns do financiamento industrial, do financiamento estatal e autonómico, pero quen lles permite facer todo isto e xogar ao seu favor é o Goberno de España

"As multinacionais son unhas auténticas harpías, uns chupóns do financiamento industrial, do financiamento estatal e autonómico, pero quen lles permite facer todo isto e xogar ao seu favor é o Goberno de España, que tería que tomar unha decisión que eles mesmos puxeron riba da mesa", manifestou.

Zan desaprobou que "non pode ser que digan que suspendamos unha folga para pór a negociar á Sepi e agora a Sepi non queira comprar a empresa".

Así, avanzou que están a preparar unha gran mobilización para o 20 de outubro, cando o Tribunal Supremo abordará o ERE exposto pola compañía americana.

"Ese día, que se saiba que chegamos até aquí despois de case nove meses de enganos por parte do PSOE e do Goberno de España", remarcou.

O presidente do comité sinalou, así mesmo, que "o Goberno de España e, sobre todo, a ministra de Industria (Reyes Maroto) seguen deixando en mans da xustiza a ver se se quitan o problema de riba e despídennos a todos".

Comentarios