As tormentas de primavera deixan danos nunhas 1.600 hectáreas da Galiza

A metade leste do país é a máis prexudicada, e as indemnizacións rozan os 12 millóns no que vai de ano no agro.

Un produtor mostra acios de cereixas danadas tras as choivas, o 12 de xuño de 2023, en Líncora, Chantada. (Foto: Carlos Castro)
photo_camera Un produtor mostra acios de cereixas danadas tras as choivas, o 12 de xuño de 2023, en Líncora, Chantada. (Foto: Carlos Castro)

A primavera pechouse na Galiza con danos por tormentas nun total de 4.556 parcelas, que supoñen preto de 1.600 hectáreas, con afectación a cultivos forraxeiros e viñedos, entre outros.

Diso informa Agroseguro con datos recollidos ao termo desta estación na que houbo produtores galegos afectados por pedrazo, choivas, inundacións e xeadas.

No tocante ao pedrazo, as parcelas sinistradas son 2.569, que se traducen en 420 hectáreas. A maior parte da superficie corresponde a viñedo (206 hectáreas e 2.227 parcelas).

O apartado de tormentas de choiva, inundacións e vento deixa estropicios en 659 parcelas e 670 hectáreas. A maior parte da superficie sinistrada corresponde a cultivos forraxeiros (397 hectáreas, principalmente millo forraxeiro en Lugo), pataca (138 hectáreas, maiormente en Ourense) e cereal de inverno (105 hectáreas, especialmente Ourense).

Ademais, tamén hai sinistros puntuais en parcelas de oliveiral, flor cortada, froitos vermellos, legumes, colza e viñedo.

A isto súmanse a deterioración producida polas xeadas: 482 parcelas e 186 hectáreas. Corresponden a damnificaciones en viñedos de Ourense.

Ademais, polo resto de riscos, recibíronse danos noutras 846 parcelas e 318 hectáreas sinistradas na Galiza durante a primavera.

 

Indemnizacións por once millóns

Máis aló das tormentas, no tocante á gandaría atendeuse un total de 68.534 sinistros pecuarios na Galiza -tanto por accidentes, enfermidades ou sinistros de retirada.

En total, segundo a información trasladada por Agroseguro, as indemnizacións acumuladas no que vai de ano rozan xa os 12 millóns de euros no agro galego.

 

"Non é normal"

A respecto diso, o director territorial de Agroseguro para a Galiza, José Bernardo, explica que "non é normal na Galiza nin no resto do Estado" as tormentas caídas só en 15 días de xuño, que son "máis que todo o verán do ano pasado".

Así, avisa de que "ademais queda aínda o verán, época habitual" destas treboadas. Percibe que nos últimos tempos creceu a contratación de seguros a nivel estatal en función da sinistralidade derivada do cambio climático e polo aumento da profesionalidade, con Galiza "na mesma liña".

De tal forma, apunta a un "incremento continuo" na Galiza nos seguros para viña e cultivos forraxeiros. Tamén observa unha alza elevada das contratacións na gandaría, que crecen a un ritmo de entre o 3% e 4% anual.

Comentarios