O tecido mar-industria alimentaria da Galiza demanda negociar a lei de costas

Colectivos empresariais do tecido mar-industria alimentaria da Galiza queren negociar co Goberno estatal as modificacións da futura lei de costas. Afirman que o noso país ten características diferenciais que non entran na proposta actual e avisan do perigo de perder empresas e empregos.
Rolda de prensa das asociacións do tecido mar-industria alimentaria da Galiza (Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa das asociacións do tecido mar-industria alimentaria da Galiza (Europa Press)

Empresas, organizacións e asociacións do tecido mar-industria alimentaria da Galiza amosaron onte a súa preocupación pola modificación da lei de costas e demandaron unha mesa de análise e negociación propia. Nunha comparecencia conxunta en Vilagarcía de Arousa os sectores afectados consideraron que teñen que ser consultados polas consecuencias que poden ter neles os cambios previstos polo Goberno español. 

Ningún representante do sector dubida de que se reformará a lei de costas. Algunhas fontes consultadas por Nós Diario sinalan que malia que o Goberno tenta "tranquilizar" asegurando que se segue a traballar coa actual lexislación, os cambios virán. "O Ministerio de Transición Ecolóxica non entende á realidade socioeconómica da Galiza, temos unhas particularidades distintas ao resto de territorios do Estado español", explica a Nós Diario o presidente da Asociación Galega de Depuradores e Comercializadores de Moluscos (Agade), Roberto Fariña. Pide, ademais, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica faga un estudo de afectación socioeconómica na Galiza e avalíe de que maneira prexudicará o novo regulamento ás empresas antes de realizar calquera modificación. "Non se pode lexislar para todos igual", asegura e engade que "Galiza vive pór e para o mar". Por este motivo estes sectores consideran que calquera reforma lexislativa "nunha materia tan sensíbel" como a lexislación de Costas ten que recoñecer o peso decisivo que os sectores do mar, a industria, a acuicultura e o marisqueo teñen na vida económica e social da Galiza.

Proposta inasumíbel

Critican tamén que non fosen informados en tempo e forma dos cambios que pensan introducir. "Descubriuse por casualidade o documento en maio do ano pasado", asegura Fariña, "e presentamos alegacións". Afirma que non tiveron noticia do Ministerio, que "se limitou a manter unha xuntanza con tres colectivos ecoloxistas, dous técnicos do Estado e a Confederación Española de Organizacións Empresarias da que saíu unha proposta máis restritiva". Os criterios que agora están enriba da mesa son, para Fariña, "abstractos e quedarían en mans de como os entendera a funcionaria ou funcionario do ministerio".

Para Anfaco o Goberno quere a costa "recreativa"

Desde a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe (Anfaco) valoran “de forma negativa o proxecto de modificación por consideralo inapropiado, errático, abrupto e sorpresivo para o sector”. Consideran que o borrador da nova lei “non contempla un réxime de transitoriedade que permita aplicar de maneira diferida uns efectos tan novidosos e abruptos, polo que supón unha paralización absoluta en termos de novos investimentos ou mesmo cuestiona a utilidade das xa realizadas”, unha realidade que para Anfaco ten “un prexuízo económico”. Critican que o seu criterio “non é o de sostenibilidade medioambiental", senón "a eliminación masiva de toda ocupación das nosas costas, ao concederlle á mesma só un valor paisaxístico e recreativo". 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

comentarios