A Fruga denuncia os baixos prezos do leite

A organización agraria concentrouse diante do Mercadona para denunciar os baixos prezos do leite nas súas instalacións.
Concentración da Fruga diante do Mercadona de Narón (Nós Diario)
photo_camera Concentración da Fruga diante do Mercadona de Narón (Nós Diario)

Ao redor de vinte gandeiros concentráronse esta sexta feira, 6 de agosto, á entrada do supermercado Mercadona de Narón, convocados pola Federación Rural Galega (Fruga), en protesta polos baixos prezos do leite nas súas marcas brancas.

Desde esta organización agraria nacionalista denuncian "o papel que está a cumprir a gran distribución á hora de fixar o prezo do leite que se lle paga ás produtoras e aos produtores" ao mesmo tempo que sinalan a falta de actuación "das Administracións competentes, nomeadamente o Ministerio de Agricultura e a Xunta da Galiza".

Elías Somoza, coordinador dos sectores gandeiros de Fruga, explica a Nós Diario, que a empresa de Juan Roig "segue comercializando unha gran cantidade de leite líquido con ofertas a baixo prezo que fai que o resto de empresas reduzan tamén os seus".

Cos últimos datos na man Somoza pon o foco en que se vendeu leite a 32,5 céntimos "cando os estudos do propio Ministerio din que non deberían baixar de 36 céntimos" polo que, indica este sindicalista, "as contas non poden saír". 

Mercadona ten na actualidade un 25% da cota da distribución e chega a ocupar, segundo algunhas fontes, entre o 30% e o 35% do leite líquido vendido a nivel estatal.

Esta posición "de forza" é a que, desde a Fruga, consideran que distorsiona todo o mercado e condiciona, mesmo, os prezos das propias marcas "que teñen que reducir tamén para non quedar fóra". 

En relación á nova ferramenta presentada por Medio Rural para calcular o prezo da produción, Somoza opina que eses importes "xa os saben" polo que considera que a ‘Conta láctea’ é "un tema máis propagandístico que outra cousa". 

UUAA cre “insuficientes” os incrementos

Unións Agrarias denunciou esta sexta feira tamén en rolda de prensa que a industria non está a ter en conta "para nada" o aumento dos custos de produción para estabelecer o prezo que abonan aos gandeiros polo leite.

O responsábel da área externa do sindicato, Félix Porto, lembrou que as granxas galegas están a recibir un céntimo menos que a media estatal polo litro de leite. Hai "anuncios" de futuros incrementos pero "aínda" son "insuficientes", engadiu. Ademais anuncian que presentarán denuncias contra as industrias que non cumpran a lei.

Comentarios