Roberto Rivas reelixido presidente da Asociación Galega de Viticultura

Roberto Rivas AGV

A Asemblea Xeral da Asociación Galega de Viticultura reelixiu Roberto Rivas Reboredo, viticultor e socio dunha cooperativa na Denominación de Orixe Rías Baixas, como presidente.

A AGV refrenda así o labor que Roberto Rivas leva desenvolvendo á fronte da entidade durante os seus primeiros dez anos de vida, “apostando por pór en valor os viños de todo o territorio galego e por dar voz ás demandas e reivindicacións do sector galego”.

Roberto Rivas estará acompañado por Xurxo Álvarez como vicepresidente, da D.O. Ribeiro; José Crussat da IXP Barbanza e Iria como secretario; Purificación Caldelas da DO Monterrei como tesoureira  e por Xan Bautista Cambón, da IXP Ribeiras do Morrazo, no papel de coordinador. Ademais, a Directiva está composta por dez vogais, onde se integran representantes de todos os territorios singulares de produción vitícola de Galiza.

Un dos principais obxectivos que se marcou a Asemblea para esta nova etapa é a consecución da aprobación do territorio do Val do Navia, en Negueira de Muñiz, como IXP; así como  impulsar iniciativas para a posta en marcha dunha figura oficial de protección para outras comarcas vitícolas galegas, como é o caso da comarca da Baixa Limia.

A nova directiva reunirase con representantes da Consellería de Medio Rural, xuntanza na que trasladarán á Administración cuestión como a proposta de reforma da PAC, a repercusión dos aranceis impostos polo Goberno dos EUA ou as consecuencias do Brexit, e outras de carácter interno ligadas ás políticas desenvolvidas pola Goberno da Xunta para o medio rural e o sector vitivinícola.

Comentarios