A renda da poboación asalariada galega caeu arredor de 1.700 millóns en 2022

As rendas do traballo ceden posicións fronte ás do capital. As primeiras caeron de xaneiro a xuño de 2022 en 2,3 puntos, fixando un mínimo na serie histórica do Instituto Galego de Estatística (IGE). Así, a poboación asalariada perdería 1.700 millóns de euros na pasada anualidade polo aumento das ganancias das empresas.
A perda de poder adquisitivo afecta o conxunto dos colectivos laborais (Foto: Nós Diario).
photo_camera A perda de poder adquisitivo afecta o conxunto dos colectivos laborais (Foto: Nós Diario).

As rendas do traballo rexistraron un novo récord negativo nos seis primeiros meses de 2022. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para ese período, os últimos dispoñíbeis até o momento, as rendas do traballo representaron no mes de xuño 43,9 % do Produto Interior Bruto (PIB). Na mesma liña, as rendas do capital situáronse en 56,1% do PIB, unha cifra só superada desde 2001 na anualidade de 2017.

A maioría das previsións económicas, en base aos datos dese primeiro semestre, sinalan que as rendas do traballo remataron en 2022 en arredor de 44% do PIB e que se situarían en perto de 68.500 millóns de euros.

Neste sentido, o economista Xavier Pérez Davila calcula  que “extrapolando os datos dos dous primeiros trimestres de 2022 achegados polo IGE, onde as rendas do traballo ficaron en 43,4% e en 43,9% do PIB, a poboación asalariada galega tería perdido 1.700 millóns ou case 1.900 euros anuais cada un dos 912.000 traballadores”.

As rendas do traballo para o primeiro semestre de 2022 están por baixo das de 2021. Precisamente, nesa anualidade significaron 46,2% do PIB e unha contía total de 29.240 millóns de euros, marcando unhas cifras peores as de 2020. Concretamente, nese exercicio representaron 47,3% do PIB, máis dun punto de diferenza cos datos de 2021, evidenciando o incremento da desigualdade do país. A este respecto, a profesora de Economía Raquel Sebastián e os profesores Gabriel Rodríguez e Juan Cesar Palomino indicaron que desde o comezo da pandemia a desigualdade incrementouse na Galiza.

A economista Natividad López Gromaz explica en Nós Diario que “no ano 2009, a poboación asalariada galega repartíase  48% do PIB". Porén, “desde ese ano asistimos a unha perda constante de participación das persoas asalariadas na renda nacional, chegando a perder catro puntos porcentuais en case unha década”.

Asemade, apunta que “esta perda de participación do persoal asalariado na renda non se debe a que haxa menos poboación asalariada con respecto á poboación ocupada, senón que vén parello a un medre da taxa de salarización; é dicir, cada vez o peso das persoas asalariadas é maior dentro da poboación ocupada”.

A Galiza rexistra nesta variábel uns números peores que o Estado español e que a Unión Europea. Sen ir máis lonxe, en 2021 as rendas do traballo significaron na media estatal 47,5% do PIB, exactamente dous puntos por riba da porcentaxe galega, malia partillar unha mesma lexislación laboral e contar cunha poboación máis envellecida, onde o impacto da desvalorización interna é inferior. As diverxencias son maiores cos Estados da Unión Europea, onde as achegas do factor traballo á conformación do PIB situáronse en 47,8%.

A caída das rendas do traballo non é un fenómeno exclusivo da Galiza. Fai parte dunha tendencia xeneralizada nas economías dos centros capitalistas desde a restauración neoliberal de comezos da década dos 80. Neste sentido, a economista Carmen Vizán considera que as causas desta situación se derivan, entre outros factores, dos “procesos de privatización das actividades produtivas desenvolvidas no sector público e da desregulación dos mercados”, da “crecente liberalización internacional dos mercados de produtos, de traballo e de capital”, da “intensificación dos procesos de concentración empresarial” e da “tendencia á financeirización da economía”.

Tomas Pikkety

Tomas Pikkety, en O Capital século XXI, sinala que a relación entre as rendas do capital e do traballo é o principal termómetro para medir as desigualdades sociais. Segundo o economista francés, “o aumento sostido na participación das rendas do capital no PIB permite explicar en gran medida o pronunciado aumento da desigualdade na distribución persoal da renda do mercado, que se observa na maioría dos países nas últimas décadas, o que formula enormes retos no terreo da cohesión social”. 

Aumentan as desigualdades

O indicador do Instituto Nacional de Estatística (INE) para medir a desigualdade, o coeficiente S80/S20, sitúa Galiza como a undécima comunidade máis desigual do Estado. Así, situaba en 2020 Aragón, A Rioxa, Balears, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, Euskadi, Murcia e Nafarroa nuns niveis de igualdade superiores á Galiza. Pola contra, en 2008 só rexistraban uns números mellores que a Galiza A Rioxa, Nafarroa e Castela e León.

Comentarios